A Xunta abre a convocatoria de Conecta Voluntariado Galicia, un programa destinado a achegar a nosa terra aos mozos galegos do exterior

O DOG publica hoxe a convocatoria desta iniciativa para persoas galegas que residan no exterior de entre 21 e 30 anos

O programa desenvolverase do 8 ao 19 de setembro no campo de voluntariado de Castro de Viladonga en Castro de Rei, Lugo

Os participantes descubrirán aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia fixo pública hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación no programa de lecer “Conecta Voluntariado Galicia” (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230623/AnuncioC3B0-130623-0001_gl.html), que ofrece 20 prazas para que mozos e mozas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado de Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro. 

O programa realízase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.  

Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volve a convocar os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, nos campos de traballo e voluntariado para persoas de entre 21 e 30 anos. 

Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia a través de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria a través de traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre. 

En total, ofértanse 20 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. Os interesados deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ou das entidades colaboradoras nos distintos países: as delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, a Peña Gallega da Casa de España de Río de Janeiro, a Sociedad Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Beneficiencia Rosalía de Castro en Santos, a Asociación Cultura Caballeros de Santiago en Salvador de Bahía, a Federación de Sociedades Gallegas na Habana, a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas e nos rexistros dos consulados de España

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recorda que o departamento que dirixe ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.” A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia”, engadiu o responsable autonómico. 

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 24 de xullo. Máis información na seguinte ligazón: https://emigracion.xunta.gal/actividade/lina-de-axuda/conecta-voluntariado-galicia-2023

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023