A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe este espazo protexido

A Xunta mantén aberto o prazo para presentar alegacións ao proxecto do Plan de xestión do Monumento Natural da Serra de Pena Corneira

Ángeles Vázquez explica que este plan ten como propósito a xestión, conservación e posta en valor deste espazo protexido a través da regulación de usos e actividades

Este instrumento de xestión enmárcase na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril

Leiro (Ourense), 23 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia mantén aberto, ata o vindeiro día 10 de xullo, o procedemento de participación pública para que administracións, asociacións, expertos e cidadáns presenten alegacións e suxestións ao proxecto do Plan de xestión do Monumento Natural da Serra de Pena Corneira.

Durante unha visita a este espazo protexido, na que estivo acompañada polos alcaldes de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vencellou a redacción deste documento á aposta da Xunta polo patrimonio natural galego e por compatibilizar a conservación dos espazos protexidos co seu uso público e goce por parte da poboación.

Así, este instrumento de xestión, que se enmarca na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia -que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril-, permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é necesario protexer e, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

Nesa liña, o plan que está a preparar o Goberno galego ten como propósito, segundo dixo Ángeles Vázquez, a xestión, conservación e posta en valor da Serra de Pena Corneira a través da regulación de usos e actividades, e dun programa de actuacións articulado nos seguintes catro eixos: a mellora do coñecemento dos valores naturais, a restauración e integración paisaxística das áreas transformadas, o establecemento de acordos cos propietarios e a divulgación a través da educación ambiental da importancia deste espazo.

Para acadar ese obxectivo, este instrumento de xestión incluirá a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais; así como as normas relativas ao uso público, así como ás actividades científicas e educativas; a programación de actuacións a desenvolver, e un programa de seguimento.

A maiores, tamén conterá a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade, e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa declaración do espazo.

Monumento Natural da Serra de Pena Corneira

Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial e, ao mesmo tempo, ten que ser coñecidos pola poboación galega e visitantes que optan por un turismo de natureza.

No caso de Pena Corneira trátase dunha prolongación da serra do Suído que se localiza nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, na provincia de Ourense. A importancia da zona radica na peculiar xeomorfoloxía deste espazo, na diversidade da composición e cristalización dos granitos que provocou neste macizo, unha evolución da paisaxe caracterizada por formas rochosas. Está caracterizado por unha complexa asociación de formas xeolóxicas que reúnen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023