Galicia recibe dous galardóns no Congreso Nacional de Formación e Emprego Inclusivo de Granada

O Centro Nacional de Referencia de Artesanía distingue á Fundación Artesanía de Galicia polo seu impulso dos oficios artesanais como modelo de inclusión laboral para persoas con diversidade funcional

Tamén resultou premiado o proxecto de colaboración entre o obradoiro da asociación Apamp, que conta coa marca Artesanía de Galicia, e a empresa téxtil Bimba y Lola

Granada, 23 de xuño de 2023

Galicia recibiu dous galardóns na Gala pola Inclusión Educativa e o Emprego, celebrada onte en Granada no marco do Congreso Nacional de Formación e Emprego Inclusivo que organiza o Centro de Referencia Nacional de Artesanía Centro Albayzín. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, foi a encargada de recoller o galardón en nome da Xunta de Galicia, concedido en recoñecemento ao apoio autonómico a proxectos de inclusión no marco de Artesanía de Galicia e ao impulso dos oficios artesanais como modelo de inclusión laboral para persoas con diversidade funcional.

Na Comunidade existen un total de oito centros especiais de emprego cuxos talleres ocupacionais de artesanía están incluídos no selo Artesanía de Galicia: Aixiña Artesanía (Ourense), Artefíos (A Coruña), Asociación de Persoas con Parálise Cerebral Apamp (Vigo), Asociación Saúde Mental da Mariña (Cervo), Aspnais (Lugo), Cerámica Eu Son (Burela), HC San Rafael (Vigo), I-Lab Centro Especial de Empleo (A Coruña). Estas entidades traballan en oficios coma o tecido artesanal, a talla de pedra, a cerámica, encadernación, a xoiería, o papel, os mosaicos ou a marroquinería.

Durante a Gala pola Inclusión Educativa e o Emprego tamén houbo un recoñecemento para unha destas entidades, Apamp, que recolleu un galardón xunto coa empresa téxtil Bimba y Lola polo seu proxecto de colaboración empresarial. Esta iniciativa foi presentada hoxe no marco do Congreso Nacional de Formación e Emprego Inclusivo, nunha mesa redonda titulada Competitividade e colaboración empresarial para una inclusión de calidade: o modelo da Casa Rodante, moderada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia.

A Casa Rodante é a marca propia coa que a Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) comercializa as pezas de Artesanía de Galicia elaboradas polos seus usuarios nos diferentes obradoiros de artesanía cos que conta nos seus centros ocupacionais, e que están dedicados á cerámica, ao téxtil, á encadernación, ao papel artesanal, á cestería, ao gravado e á serigrafía. O proxecto de colaboración con Bimba y Lola naceu primeiro como un patrocinio por parte da firma téxtil e posteriormente a unha colaboración na que A Casa Rodante e os usuarios de Apamp conseguen desenvolver o seu traballo creativo e artesanal para a empresa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023