A Xunta clausura a décimo oitava edición do curso en financiamento comunitario ‘TecEuropa’

Desenvolvida en formato virtual, acolleu 85 participantes que afondaron nas oportunidades que lles ofrece a Unión Europea ás entidades galegas

Bruxelas, 23 de xuño de 2023

A Fundación Galicia Europa (FGE) clausurou hoxe a décimo oitava edición do programa TecEuropa, unha formación en financiamento comunitario destinada a entidades galegas públicas e privadas.

 

A directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, destacou o interese que continúa a espertar este curso entre diversos sectores da sociedade galega. Ramos agradeceu o labor dos relatores, así como dos 85 participantes desta edición, por explicar e coñecer as oportunidades que a Unión Europea lles ofrece ás entidades galegas. “Unhas oportunidades que son o motor para desenvolver proxectos conxuntos que melloren a nosa comunidade”, apuntou.

 

Xusto esta semana, a comisaria de Política Rexional e Cohesión da Comisión Europea, Elisa Ferreira, gabou a xestión dos fondos estruturais en Galicia durante o encontro anual que mantén coas oficinas de representación rexional en Bruxelas.

 

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades que buscan especializarse nesta materia. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende o ano 2015, suma unha participación superior ás 800 persoas nas 17 edicións anteriores. Nesta edición, cerca da metade dos participantes proceden de entidades públicas, un cuarto veñen de empresas ou asociacións empresariais e o resto de universidades, centros tecnolóxicos e entidades do terceiro sector.

 

O programa acolleu catro sesións desde o pasado mércores. Na primeira delas abordouse a política rexional e a posta en marcha das transicións verde e dixital da man de funcionarios da Comisión Europea e, durante as seguintes, a Fundación Finnova deu unha explicación práctica de varios programas de financiamento como Horizonte Europa, Life ou Erasmus +. Malia mudar a un formato completamente virtual dende o ano 2020, TecEuropa mantén o contido teórico e práctico característico desde a súa orixe.

 

A Fundación Galicia Europa convocará unha nova edición de TecEuropa que se vai celebrar os días 2,10, 15 e 17 de novembro.  

 

Promoción da participación galega en proxectos europeos

A Fundación Galicia Europa traballa dende 1988 na formación e explicación do financiamento comunitario para capacitar a sociedade galega. É un dos seus principais ámbitos de actuación, xunto coa representación dos intereses galegos perante a UE e a información e sensibilización da Unión Europea en Galicia.

Data de actualización: 23/06/2023