A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións localizadas en Doniños acompañada por directivos da entidade

A Xunta destina a Asfedro preto de 60.000 euros en axudas para varios programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais

A entidade resultou beneficiada de dúas achegas da Consellería de Sanidade: unha de 50.000 euros para melloras de centros sanitarios e outra de 6.500 euros para programas de fomento do emprego en persoas con trastornos mentais

A través desta convocatoria, dotada cun orzamento de 1,2 M€, tamén se subvenciona un proxecto da Asociación Exalcohólicos de Ferrolterra para a reinserción laboral de persoas con condutas adictivas

Ferrol, 23 de xuño de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao centro terapéutico O Confurco que xestiona a Asociación Ferrolana de Drogodependencias, Asfedro, onde, acompañada por directivos da entidade, coñeceu o traballo que se desenvolve nas instalacións.

Durante a visita, Aneiros informou da recente resolución dun programa de axudas da Consellería de Sanidade destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitarios no ámbito dos trastornos mentais da que a entidade resultou beneficiaria e que está dotada este ano cun orzamento de 1,2 M€.

Así, na liña 1 referida a proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais ou preventivos en materia de trastornos mentais, incluídos os adictivos, Asfedro percibiu unha achega económica de 50.000 euros para a substitución da cuberta envolvente do centro terapéutico O Confurco.

Na liña 4, para programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais concedéuselle tamén outra subvención de 6.454 euros. Coa mesma cantidade a Consellería de Sanidade subvencionou tamén o programa de apoio á reinserción sociolaboral en persoas con conductas adictivas da Asociación Exalcohólicos de Ferrolterra.

Aneiros destacou que esta orde de subvencións “aglutina a maior parte das axudas do Servizo Galego de Saúde ao trastorno mental, financiando programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega” e destacou o incremento en preto de 200.000 euros da cifras con respecto á anterior convocatoria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023