O conselleiro do Medio Rural preside esta mañá no Pazo de Quián a reunión do órgano, que avalía diferentes liñas de traballo en desenvolvemento do Plan Forestal de Galicia

A Xunta presenta no Consello Forestal un avance da Estratexia para o fomento da xestión activa das frondosas e do libro branco sobre a normativa dos montes veciñais

José González trasladou que tamén se trata a vindeira orde pola que se publicarán os modelos orientativos de estatutos e o modelo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor das agrupacións forestais de xestión conxunta

Sobre a Estratexia para as frondosas, sinalou que ten como principal obxectivo a súa valorización tanto dende o punto de vista do recurso como do produto

En relación co libro branco dos montes veciñais, indicou que se trata de recoller todas as sensibilidades e achegas sobre o futuro desta figura tan característica do monte galego

Boqueixón (A Coruña), 23 de xuño de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, preside esta mañá a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, que ten lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) e no que se están a avaliar diferentes liñas de traballo en desenvolvemento do establecido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Antes da reunión, o conselleiro sinalou que por parte da Xunta preséntanse unha serie de documentos, a maioría en fase de borrador, que teñen que ver coa futura Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas ou co próximo libro branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común.

Tamén se avalía a vindeira orde pola que se publicarán os modelos orientativos de estatutos e o modelo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor das agrupacións forestais de xestión conxunta. Outro tema abordado neste encontro é a análise dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

Valorización das frondosas

En primeiro lugar, o conselleiro sinalou que o borrador da Estratexia para as frondosas ten como principal obxectivo a súa valorización dende dous puntos de vista. Por un lado, do recurso, a través do fomento da silvicultura para mellorar o seu aproveitamento, pero tamén contemplando outros usos, caso do recreativo. Por outra banda, do produto, pensando especialmente na primeira transformación para uso industrial.

En segundo termo, José González indicou que se está traballando no borrador do libro branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común da comunidade autónoma, para recoller todas as sensibilidades e achegas dos interesados no futuro desta figura tan característica do monte galego. É -engadiu- un documento previo de traballo, participativo e de reflexión, que se somete ao Consello Forestal para seguir avanzando cara á reforma e actualización desta normativa, que xa ten 30 anos de vixencia, polo que se trata de axustala. Neste documento avalíanse aspectos coma o propio concepto do monte veciñal, a condición de persoa comuneira ou a gobernanza destes terreos forestais, entre outras cuestións, sempre -advertiu González- respectando absolutamente esta figura.

Outro asunto abordado hoxe é o borrador da futura orde sobre os modelos voluntarios de documentos para agrupacións forestais de xestión conxunta, unha figura da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase -subliñou o conselleiro- de facilitar uns modelos útiles aos que se poidan acoller, de xeito voluntario, os xestores destes terreos forestais, diferenciando -por un lado- os estatutos para entidades sen ánimo de lucro ou para comunidades de bens e sociedades civís e -por outro- os contratos que permiten regular as relacións e compromisos entre os propietarios forestais e as agrupacións nas que se integran. Estes últimos poden ser de prestación de servizos silvícolas ou de cesión de uso e aproveitamento forestal.

Por último, sobre o Inventario Forestal Continuo -que tamén se avalía nesta xuntanza-, o conselleiro destacou que ofrece datos de gran interese, como as case 620.000 hectáreas de superficie de monte galego ocupado por frondosas e que se configura ademais como un instrumento de control e planificación básico tanto para a Administración como para todos os actores da industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023