O Conservatorio Superior de Música de Vigo impartirá o vindeiro curso o primeiro máster en ensinanzas artísticas de Galicia

A Xunta implanta así por primeira vez en Galicia ensinanzas artísticas superiores do mesmo nivel dos másteres universitarios oficiais

Ofertaranse un total de 42 prazas e a matrícula para as probas de acceso abre desde hoxe ata o 29 de xuño

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

O Conservatorio Superior de Música de Vigo impartirá o vindeiro curso o primeiro máster en ensinanzas artísticas de Galicia. O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe a homologación do plan de estudos do título de Máster en Ensinanzas Artísticas en Creación, Interpretación e Investigación Musical, que a Xunta de Galicia decide ofertar neste centro vigués.

 

Con estas ensinanzas o Goberno galego implanta por primeira vez na nosa comunidade o nivel tres do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES 3) nas ensinanzas artísticas superiores, o mesmo dos másteres universitarios oficiais. Correspóndese co nivel 7 do Marco europeo de cualificacións.

 

Cunha duración dun curso académico, un total de 60 créditos ECTS, o alumnado do máster poderá elixir entre tres itinerarios: Creación, Interpretación e Investigación. Ofertaranse un total de 42 prazas (oito delas reservadas para persoas con discapacidade) para o curso 2023/24: catro para o de creación, oito para o de investigación e 30 para o de interpretación. Neste último haberá prazas para canto (2), clarinete (2), clave (1), contrabaixo (1), fagot (1), frauta travesa (2), guitarra (2), instrumentos de corda pulsada do Renacemento e do Barroco (1), óboe (1), percusión (1), piano (2), saxofón (2), trompeta (1), trompa (1), tuba (2), viola (1), viola da gamba (2), violín (2), violín barroco (1) e violoncello (2).

As persoas que desexen acceder a estas ensinanzas deberán estar en posesión dun título de grao en ensinanzas artísticas superiores ou dun título universitario de grao e superar unha proba específica de acceso (diferente para cada un dos tres itinerarios). A matrícula para as probas de acceso a este máster estará aberta desde hoxe ata o 29 de xuño, e poderase acceder ao formulario correspondente desde a aplicación de xestión das solicitudes de praza para centros de ensinanzas artísticas superiores.

Data de actualización: 23/06/2023