A Xunta dotará o peirao do Barqueiro dun novo dique de abrigo cun investimento de 100.000 euros

O prazo de presentación de ofertas da licitación desta actuación remata o próximo luns e os requisitos poden consultarse na plataforma de Contratos de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, instalará un novo dique flotante no peirao do Barqueiro, no municipio de Mañón, para substituír o actual -que rompeu como consecuencia dos últimos temporais- e mellorar o abrigo deste porto. Esta estrutura, a diferencia da anterior, estará dotada dun sistema de ancoraxe mediante pilotes e saíu a concurso cun orzamento base de licitación de 100.000 euros, IVE incluído.

Os traballos consistirán na instalación dun módulo de dique flotante de formigón armado de 16 metros de longo por catro de ancho e 1,8 de alto. Ademais colocarase unha pasarela dispoñible xa nos almacéns de material de Portos de Galicia. O prazo de execución estimado para as obras será de catro meses desde o seu inicio.

O procedemento de licitación desta actuación está en marcha e o prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 26 de xuño. Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante e na páxina web de Portos de Galicia (www.portosdegalicia.gal).

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/06/2023