A Xunta celebra unha xornada de sensibilización fronte ao ruído nos espazos de traballo

A actividade formativa trata de mostrar as consecuencias da exposición ao ruído a través do emprego de novas tecnoloxías de xeito visual e atractivo

O webinario, no que participaron 150 persoas, insírese na programación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe unha xornada de sensibilización fronte ao ruído nos espazos de traballo, na que participaron 150 persoas. Esta sesión técnica, en colaboración con Asepeyo, forma parte da programación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e impartiuse en formato webinario co obxectivo de mostrar desde unha perspectiva dinámica, visual e atractiva as consecuencias da exposición ao ruído a través do uso de novas tecnoloxías. Así mesmo, esta xornada trata de establecer accións para reducir os efectos da exposición ao ruído no persoal traballador.

Mancha salientou como “prioridade” detectar as fontes de ruído principais nos postos de traballo para elaborar un “plan de acción orientado á súa redución”. Neste sentido, o curso achegou de xeito accesible as medidas de prevención orientadas a reducir esa exposición das traballadoras e traballadores. A actividade formativa centrouse no uso de novas tecnoloxías para a medición de niveis de ruído que permite avaliar correctamente a súa xeración, propagación e efectos. Deste xeito, o persoal traballador puido coñecer como o ruído afecta o ser humano e “como pode protexerse”.

Esta xornada enmárcase dentro do plan de actuación do Issga do ano 2023 na súa aposta pola promoción da prevención de riscos. O instituto desenvolve diferentes iniciativas dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas como é o caso da sensibilización fronte á exposición a fontes de ruído nos espazos de traballo. Ademais nos últimos tempos está a incidir nos novos riscos derivados da situación socio-laboral actual e ofertará este ano accións para previr os perigos de actividades como a atención á dependencia ou en actividades de tempo libre, entre outras.

A Xunta está a avogar pola formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, como unha das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023