A Xunta completa a distribución das bandeiras azuis 2023 na provincia de Pontevedra coa entrega de cinco insignias a Poio, A Guarda e A Illa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera,repartiu estes distintivos para as praias de Cabeceira, Area Grande, O Muíño, Area da Secada e O Bao aos alcaldes Ángel Moldes e Roberto Carrero e a concelleira Rosi Viana

“A bandeira azul é un sinal de identidade moi importante, xa que outorga certezas de calidade e seguridade aos usuarios dos areais e ademais temos unha provincia que é prolífica, xa que ocupa o segundo posto de toda España con 58 recoñecementos”, sinalou Agustín Reguera

Pontevedra, 23 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia vén de completar a distribución das Bandeiras Azuis 2023 na provincia de Pontevedra coa entrega, na xornada de hoxe, das cinco insignias pendentes aos concellos de Poio, A Guarda e A Illa de Arousa nun acto que tivo lugar no edificio administrativo de Campolongo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González, repartiu estes distintivos para as praias de Cabeceira (Poio), Area Grande e O Muíño (A Guarda) e Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa) aos alcaldes Ángel Moldes e Roberto Carrero e á concelleira de Turismo da Illa, Rosi Viana.

Houbo concellos que, por distintos motivos, non puideron asistir á entrega oficial das bandeiras azuis celebrada hai dez días en Arteixo, algo que entendemos perfectamente porque ademais foi na semana de constitución das corporacións, pero desde a Xunta queriamos entregarllas xusto agora que comezou o verán para que, desde hoxe mesmo na festividade de San Xoán, poidan lucir nos areais da nosa provincia”, detallou o representante autonómico.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra xa ten distribuídas as 58 bandeiras azuis en praias -que se elevan ata 70 cos portos deportivos e os centros azuis- que este verán estarán presentes en praias, portos deportivos e centros turísticos e que reflexa o peso turístico dunha provincia que conta con preto do 42% dos distintivos concedidos para a comunidade galega e que é a segunda de España con máis distintivos, só por detrás de Alicante.

A bandeira azul é un sinal de identidade moi importante, xa que outorga certezas de calidade e seguridade sobre os areais e outros servizos turísticos aos usuarios, sexan galegos, residentes ou de viaxe pola terra, ou ben turistas. E ademais hai que agradecer o traballo de todos, co apoio da Xunta, para que Pontevedra sexa unha provincia tan prolífica nestes recoñecementos, porque é un orgullo ser a segunda comunidade de España nesta materia”, concluíu Agustín Reguera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023