O prazo para presentar as solicitudes ás 42.174 prazas de novo ingreso de FP está aberto desde hoxe ata o 5 de xullo

Unha vez as persoas interesadas obteñan praza, a data de inicio do primeiro período de formalización de matrícula varía entre o 18 e o 19 de xullo, en función da ensinanza

Toda a información sobre a oferta e os trámites pode consultarse no Portal Educativo

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abre o prazo para presentar as solicitudes ás 42.174 prazas de novo ingreso da FP galega. A oferta destas ensinanzas para o vindeiro curso está constituído por 182 titulacións diferentes entre ciclos, másteres de FP ou programas formativos para persoas con necesidades educativas especiais, o que lle dá unha gran potencialidade e variedade á oferta. Increméntase en todas as familias profesionais, sectores, áreas xeográficas e modalidades, destacando o crecemento do 135 % na FP Dual, que abre matrícula en máis de 180 proxectos.

Para cursar estas ensinanzas é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun proceso de admisión, con prazos de solicitude, listaxes de admitidos e agarda e períodos de matrícula. En concreto, as persoas interesadas en cursar FP deberán utilizar o asistente informático para xerar unha solicitude web. Só nun número moi reducido de casos, detallados nesta aplicación informática, será  necesario levala a validar a un centro con oferta de FP. A continuación, terán que consultar as listaxes de solicitudes (provisional e definitiva) e as de adxudicación nas datas sinaladas no calendario de admisión. No caso de ter adxudicación, durante o período establecido matricularse ou renunciar (a renuncia so é necesaria no caso do réxime ordinario).

Diferentes fases

O prazo de presentación de solicitudes no proceso de admisión de formación profesional de grao básico, comeza o día 26 de xuño ás 9,00 horas e remata o día 6 de xullo ás 13,00 horas. Para o resto das ensinanzas o prazo de presentación de solicitudes vai desde hoxe, 23 de xuño, ás 9,00 horas ata o 5 de xullo ás 13,00 horas). O resto das  diferentes fases varían en función de se se trata de másteres de FP, ciclos e programas formativos ou proxectos de FP Dual. En calquera caso, nos dous primeiros casos o período de matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 19 de xullo, mentres que no caso da FP Dual empezará o 18 de xullo e en formación profesional de grao básico a partir do 24 de xullo.

Toda a información de requisitos e calendario para os diferentes casos pode consultarse do Portal Educativo. Así mesmo, neste espazo recóllese a descrición das diferenzas entre os distintos réximes e modalidades, como a obrigatoriedade de asistir ás clases no réxime ordinario e modular para adultos presencial, ou a flexibilidade de acceso nas ensinanzas para adultos presencial e a distancia, entre outros detalles.

Data de actualización: 23/06/2023