Galiverso chega á Casa de Galicia en Madrid para abrir as portas ao patrimonio cultural e artístico galego a través da realidade virtual

Madrid, 23 de xuño de 2023 O director da Casa de Galicia, Juan Serrano, participou na presentación do “Galiverso empeza aquí”. Trátase unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de mostrar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) dunha maneira diferente.

O que visite a Casa de Galicia, poderá viaxar en globo polo escarpado Canón do Sil, mirar A Coruña desde o alto desde a lanterna da Torre de Hércules ou descubrir o templo romano de Santalla de Bóveda, entre outras experiencias. Así o explicaba onte Manuel Vila López, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidades.

Previamente, Fátima García Doval, do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Xunta de Galicia, explicou aos asistentes o intuitivo e fácil manexo das lentes 3D que permiten ao visitante vivir 12 experiencias de realidade virtual que percorren as catro provincias galegas.

Hai lugares que só se poderán visitar entrando no Galiverso, como a Cripta do Apóstolo, —pecha ao público xeral na propia Catedral de Santiago— e outros que polas súas características ou localización non resultan fáciles para as persoas con dificultades de mobilidade, como os tellados da Catedral de Tui. O uso da realidade virtual facilita gozar deles dunha maneira única, accesible e respectuosa coa súa conservación.

O Galiverso empeza aquí é unha xanela aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite a quen visite a Casa de Galicia participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e pór en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

O Galiverso, anunciou Vila, seguirá expandíndose no futuro incorporando novas experiencias como a visita ao fondo mariño de Ría de Vigo a bordo dun submarino.

Gozar desta experiencia é posible xa desde o día de onte na sala Emilio Pardo Bazán, na Casa de Galicia. A visita é gratuíta e non é necesario reservar praza.

Un mapa virtual de Galicia permite seleccionar as experiencias, que van acompañadas de textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

A duración de cada sesión individual é duns 20 minutos máximo e durante a mesma poden vivirse unha ou varias das experiencias de realidade virtual ofertadas. O límite de tempo obedece tanto á intención de evitar fatígaa asociada cun uso máis prolongado das lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder ao Galiverso.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2023