A Xunta pon en valor a formación como elemento fundamental para dotar de futuro o rural galego

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias clausurou esta tarde o acto do 50º aniversario dos Centros de Promoción Rural-EFA, organizado pola federación que os agrupa en Galicia

José Balseiros puxo en valor que para o próximo curso ampliarase a oferta formativa con 328 novas prazas nos Centros de Formación e Experimentación Agraria dependentes da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou esta tarde a xornada organizada pola federación EFA Galicia, en conmemoración do 50º aniversario dos Centros de Promoción Rural na comunidade. Na actualidade existen tres centros deste tipo, o da Cancela (As Neves), o do Piñeiral (Arzúa), e o de Fonteboa (Coristanco). Xuntos constitúen a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia. No acto tamén estiveron presentes Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, e Jesús Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos.

Durante a súa intervención, José Balseiros salientou a importancia da educación para garantir unha sociedade de calidade e con futuro. Así, puxo de relevo o labor que desenvolven estes centros de formación, enfocados sempre na inserción profesional dos 17.000 estudantes que teñen ás súas costas. Destes, arredor dos 7.200 están completamente integrados no mundo laboral -dixo-, ben sexa por conta allea ou incluso emprendendo con proxectos propios.

O director xeral fixo referencia tamén aos sectores agroalimentario e forestal que, segundo indicou, precisan incorporar prácticas innovadoras e iniciativas de I+D como elementos básicos da súa competitividade, así como consolidar un sistema de transferencia de coñecementos no sector primario.

Así mesmo, Balseiros destacou a oferta formativa nos Centros de Formación e Experimentación Agraria dependentes da Consellería do Medio Rural. Así, recalcou que se ofertarán 328 novas prazas para o curso 2023-2024 nos CFEA de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Becerreá e Sergude. Tal e como explicou, esta ampliación ten entre os seus obxectivos mellorar os resultados das explotacións, facilitar a súa reestruturación e modernización, facilitar a entrada no sector agrario de agricultores formados ou aumentar a competitividade dos produtores primarios mellorando a súa integración na cadea alimentaria.

Ademais, a esta nova oferta súmase tamén a posta en marcha de tres novos ciclos formativos na modalidade dual. Segundo o director xeral, isto permitirá incidir na alternancia entre o centro educativo e a empresa, favorecendo a inserción laboral do alumnado.

Neste contexto, cómpre salientar tamén a aposta do Goberno galego por impulsar e favorecer a remuda xeracional no agro, que permitiu que no marco da convocatoria de 2022 destas axudas se incorporaran un total de 353 mozos e mozas á actividade agraria da comunidade. Xa para finalizar, José Balseiros fixo referencia ás achegas para plans de mellora e para a creación de pequenas explotacións, que favorecen unha mellora substancial da competitividade e do rendemento global das explotacións agropecuarias mediante a súa modernización, asegurando a continuidade do tecido agrario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023