A Xunta recomenda o uso dos tratamentos fitosanitarios para a prevención da flavescencia dourada da vide ante o aumento das temperaturas

A Consellería do Medio Rural recomenda a realización de tratamentos insecticidas e ofrece información na súa páxina web sobre a listaxe das materias activas e formulados autorizados

Esta doenza transmítese polo insecto vector Scaphoideus titanus e antes de en Galicia xa fora detectada en Portugal
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- A Xunta recomenda o uso dos tratamentos fitosanitarios autorizados para a prevención da Flavescencia Dourada da vide ante do aumento das temperaturas previsto de cara a esta fin de semana. Esta situación favorecerá a emerxencia e actividade do insecto vector transmisor da praga, polo que a Consellería do Medio Rural recomenda a realización de tratamentos insecticidas, que serán obrigatorios ou recomendados dependendo das parcelas de viñedo das diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias dos concellos pontevedreses de Arbo, A Cañiza, Crecente, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño, así como no concello de Padrenda en Ourense.

 

A denominada Flavescencia Dourada da vide é unha doenza provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmitido por un insecto vector (Scaphoideus titanus). Antes de en Galicia, xa fora detectada en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira coa nosa comunidade. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada de Flavescencia Dourada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira. Unha das medidas contempladas para a súa erradicación, que se debe efectuar logo de detectar ao insecto vector ou plantas sintomáticas, consiste na aplicación dun tratamento fitosanitario autorizado en todas as plantas das parcelas de viñedo.

 

Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Cabe sinalar que aqueles usuarios que teñan dúbidas poderán achegarse á Oficina Rural máis próxima.

 

Ligazón á páxina web da Consellería:

 

Data de actualización: 22/06/2023