A Xunta apoia o congreso ‘Mundos Digitales’ nunha 21ª edición que tratará o impacto da intelixencia artificial no sector da produción virtual

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación deste encontro que se celebrará entre o 6 e o 8 de xullo na Coruña

O programa do evento inclúe a feira de emprego máis importante a nivel internacional no que empresas punteiras buscarán máis de 60 perfís profesionais

A Coruña, 22 de xuño de 2023

O congreso Mundos Digitales abordará o impacto da Intelixencia Artificial nos sectores da animación, dos efectos visuais e dos novos media na súa 21ª edición, que se celebrará na Coruña entre o 6 e o 8 de xullo. A Xunta contribúe economicamente con este evento de carácter global, que inclúe no seu programa diferentes presentacións, proxeccións e certames, ao tempo que estimula o intercambio profesional ao promover xuntanzas de negocios e unha feira de emprego no que empresas internacionais procurarán máis de 60 perfís profesionais.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, referiuse a estes puntos na presentación da vindeira 21ª edición de Mundos Digitales, xunto ao director do encontro Manuel Meijide, e representantes doutras institucións patrocinadoras. Na súa intervención, destacou tamén a relevancia deste congreso, que tras dúas décadas na Coruña, está consolidado como “referente internacional” no ámbito da animación e da produción virtual.

O representante da Xunta puxo en valor a contribución de Mundos Digitales á promoción do talento nun ámbito creativo e tecnolóxico tan especializado a través da súa feira de emprego, na que se poñen en contacto empresas punteiras e profesionais do sector. Este fomento de oportunidades no mercado laboral e a especial atención á tecnoloxías emerxentes son dúas liñas de traballo do evento que entroncan, ademais, cos eixos de apoio aos novos talentos e á dixitalización do Plan Xeración Cultura 2023 da Xunta.

Expositor de Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten previsto participar nesta feira cun stand de difusión da Formación Profesional, que contará con folletos e material audiovisual informativo sobre a oferta de FP, a FP Dual e o proceso de acreditación de competencias, entre outros.

Durante os días que dure este salón, darase asesoramento personalizado a aos visitantes que se acheguen ata alí. O expositorserá atendido por orientadores profesionais e dinamizadores de empresa dos centros educativos con oferta de Formación Profesional na familia de Imaxe e Son (CIFP Imaxe e Son, CIFP A Farixa, IES Audiovisual de Vigo), ademais de por persoal asesor da Dirección Xeral de FP.

A participación da Consellería neste evento permite o acceso ao profesorado das familias profesionais implicadas para que poidan participar activamente neste congreso.

A cuarta revolución

Mundos Digitales estrutura o seu programa de presentacións arredor de catro eixes principais: a animación, os efectos visuais, as producións virtuais e a intelixencia artificial. Esta última disciplina, de máxima actualidade polo seu impacto e pola súa presenza nos medios de comunicación, así como a súa capacidade transformadora, abordaranse nas sesións conducidas por especialistas como Alba Meijide, Rajesh Sharma ou Carlos Santana, divulgador e docente de Intelixencia Artificial que titula a súa presentación co elocuente nome de Benvidos á 4ª Revolución.

 

O programa de Mundos digitales tamén incluirá, como en anos anteriores, o Festival Internacional de Animación. Catro curtas procedentes de Canadá, Francia e Chequia competirán neste certame, mentres que na sección nacional concorrerán as fitas Amarradas, de Carmen Córdoba; Amanece la noche más larga, de Lorena Ares e Carlos F. De Vigo; Zombie Meteor, de Alfonso Fulgencio e José Luis Farias, e Humbug Manor, de Juan Carlos Mostaza.

 

A organización deste evento sectorial internacional celebrará na Coruña a entrega do Premio Especial Mundo Digitales 2023 a Juan Cañadas, pola súa achega á industria dos gráficos por ordenador tras más de dúas décadas de dedicación ao sector no que desenvolveu diferentes proxectos e iniciativas anovadoras.  

Data de actualización: 22/06/2023