O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta actividade enmarcada nas 55 accións do programa FalaRedes 2023 para este verán

Os Bolechas deportistas visitarán a rapazada de 15 concellos da rede de dinamización lingüística

A familia máis famosa da literatura infantil galega viaxará en caravana cunha programación chea de xogos para fomentar o uso do galego no ámbito deportivo

Arrancará mañá ás 12,00 horas en Ribeira e pasará por Chantada, Barreiros, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Castro Caldelas, Boqueixón, O Pereiro de Aguiar, Quiroga, Frades, Mondariz, Ares, Baiona, Bande e A Pobra de Trives

Trátase do segundo espectáculo da serie ‘Os Bolechas deportistas’, que xa visitou o ano pasado outros tantos concellos galegos

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do espectáculo Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que vai desenvolver a editorial Bolanda no marco da programación de verán do FalaRedes 2023, o programa de dinamización lingüística da Xunta. A iniciativa, que arranca mañá en Ribeira, visitará de novo 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre a rapazada.

No acto, no que estivo acompañado pola familia Bolechas, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recalcou a importancia “dun ámbito como o do deporte, asociado a valores positivos e que ocupa moitas horas de actividade dos nosos rapaces e rapazas, para a dinamización da lingua galega”.

A lingua galega no deporte

Trátase da segunda edición da serie Os Bolechas deportistas, coa que os coñecidos personaxes de Pepe Carreiro dan a coñecer diferentes disciplinas deportivas e promoven o uso da lingua galega durante a súa práctica. A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias ao pé da rúa, os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras, que os levarán a construír unha máquina coa que practicar os deportes do pasado, presente e futuro.

A xira comezará este venres 23 ás 12,00 horas na avenida do Malecón, en Ribeira, e pasará durante os próximos meses por: Chantada (praza de España) o 24 de xuño, Barreiros (praza do Concello) o 7 de xullo, Campo Lameiro (praza do Concello) o 8 de xullo, Vilanova de Arousa (praza dos Olmos) o 9 de xullo, Castro Caldelas (praza do Prado) o 15 de xullo, Boqueixón (Carballeira de Rodiño) o 16 de xullo, O Pereiro do Aguiar (CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey) o 21 de xullo, Quiroga (praza da rúa Lago) o 21 de xullo, Frades (Campo da festa de Galegos) o 25 de xullo, Mondariz (praza de España) o 29 de xullo, Ares (Parque Rosalía de Castro) o 30 de xullo, Baiona (praza do Concello) o 1 de agosto, Bande (praza da Constitución) o 4 de agosto e A Pobra de Trives (praza do Reloxo) o 5 de agosto. As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

55 pases para os próximos meses

Esta actividade enmárcase na programación de verán do FalaRedes 2023, que ten previstos para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística.

Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023