A Xunta inicia a obra de ampliación do Colexio Agro do Muíño, en Ames

A Consellería de Educación vén de adxudicar esta actuación por máis de 3,3 millóns de euros

Tanto esta ampliación como a construción do novo colexio do Milladoiro teñen como obxectivo dar resposta á alta demanda de prazas de escolarización en Ames

 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inicia hoxe, coa sinatura da acta de replanteo, as obras de ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño. Este inicio prodúcese logo de formalizar esta actuación, que foi adxudicada á empresa Obras y servicios Gómez Crespo, S.L. por importe de 3.359.111,25 euros.

Tanto esta obra como a da construción dun novo colexio no Milladoiro teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades de prazas de escolarización dun dos concellos con máis demanda de Galicia, o de Ames.

Novo edificio

A ampliación realizarase de xeito lineal, construíndo un novo volume. A superficie total despois da ampliación ascenderá a 14.645 m². O novo edificio albergará seis aulas convencionais, o que permitirá habilitar espazo para ata 150 novos alumnos; tres aulas de desdobres, aulas de música, pedagoxía terapéutica, aula de audición e linguaxe e orientador, aseos, sala de usos múltiples e vestíbulo de entrada. Ademais, estará dotado dos devanditos foro e Polo Creativo. O edificio será accesible e contará con sinalética e grafismos que aclaren os itinerarios internos.

 

No que se refire ao actual edificio, acometeranse diversas melloras na zona de instalacións, ampliarase o comedor e reorganizaranse varios espazos, entre outras actuacións, ademais de unir o volume existente co novo.

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que Galicia está a adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas e tecnolóxicas. Deste xeito, a ampliación do Colexio Agro do Muíño contará cos novos espazos definidos no plan como o foro, un espazo multifuncional complementario do resto que sirve como área central de reunión e comunicación da comunidade educativa coa finalidade de promover a aprendizaxe en espazos abertos. Tamén un Polo Creativo equipado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación e o pensamento de deseño e habilidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023