A Xunta aproba un paquete de medidas de preto de 50 M€ para axudar as persoas en risco de exclusión, as familias, os maiores e as persoas con discapacidade

Rueda salienta que estas axudas permitirán achegar ás entidades sociais recursos para mellorar a súa atención
 

Unha das convocatorias será para o funcionamento dos comedores sociais ou centros de acollida, así como para financiar actuacións que favorezan o acceso ao mercado laboral de persoas en exclusión
 

A outra orde tamén financiará diferentes iniciativas, así como gastos de investimento referidos a obras, adquisición de equipamento ou rehabilitación de centros
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a aprobación no Consello da Xunta dun paquete de medidas por preto de 50 millóns de euros destinado a axudar as persoas en risco de exclusión, as familias, os maiores e as persoas con discapacidade. Segundo precisou, este investimento canalizarase a través de dúas ordes de axudas, de 19,7 e 18,5 millóns de euros. Esta última será ampliada nos vindeiros meses con outros 10 millóns de euros. Con estas partidas, considerou que se achegan ás entidades sociais “os recursos necesarios para mellorar a súa atención”.

Rueda precisou que a primeira orde aprobada, de preto de 20 millóns de euros, habilita fondos para o funcionamento de diferentes instalacións de asociacións e colectivos que traballan na atención a persoas en exclusión. Deste xeito, segundo apuntou, financiará, por exemplo, o servizo en comedores sociais, albergues ou centros de acollida; e tamén achegará os fondos para o desenvolvemento de programas que favorezan o acceso ao mercado laboral, actuacións de inclusión da poboación inmigrante ou de persoas sen fogar, entre outras.
 
O mandatario galego salientou que é a vez que máis fondos se destinan a esta orde de axudas, ”un 7,7 % máis que na última convocatoria plurianual”.  

Orde a cargo do IRPF

En canto á segunda orde de axudas, o presidente galego informou de que está financiada con cargo ao Imposto sobre a renda de persoas físicas (IRPF) e conta cun orzamento de 18,5 millóns de euros, que será ampliado nos vindeiros meses ata os 28 millóns de euros.

Rueda lembrou que desde hai tempo o IRPF permítelles aos contribuíntes destinar un 0,7 por cento da súa cota íntegra a fins sociais e, desde 2017, a maior parte desta contía é xestionada polas comunidades autónomas.

Estes fondos, que financiarán tamén diferentes iniciativas, así como gastos de investimento referidos a obras, equipamento ou rehabilitación de centros, irán destinados tamén ás entidades sociais no seu amplo abano, tanto para aquelas que traballan na asistencia a persoas en situación de exclusión social como aquelas que o fan con maiores, persoas con discapacidade, menores ou coa mocidade.

O presidente da Xunta salientou o feito de que ano pasado esta orde de axudas con cargo ao recadro social do IRPF permitiu a posta en marcha “de preto de 600 programas da man de 132 entidades sociais” de diversos ámbitos relacionados coa Consellería de Política Social e Xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023