Diego Calvo traslada á cónsul xeral de Brasil en Madrid o interese da Xunta por manter os lazos de irmandade e os vínculos de Galicia co país brasileiro

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse esta mañá con Vera Cintia Álvarez co obxectivo de reforzar as relacións bilaterais entre ambos territorios

A visita coincide coa recepción do consulado itinerante de Brasil esta semana en Santiago de Compostela para facilitar á cidadanía a xestión dos seus trámites evitándolle desprazamentos á capital madrileña

Brasil é un dos países con máis residentes galegos e a comunidade galega é a máis numerosa da xurisdición do Consulado de Brasil en Madrid con 9.000 persoas brasileiras que viven en Galicia

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu esta mañá á cónsul xeral de Brasil en Madrid, Vera Cintia Álvarez, nun encontro co obxectivo de afondar nas históricas relacións de irmandade entre Galicia e o país brasileiro. A visita coincide co consulado itinerante de Brasil esta semana en Santiago de Compostela para facilitar a cidadanía brasileira a tramitación das súas xestións burocráticas sen ter que desprazarse ás instalacións do consulado en Madrid.

Diego Calvo agradeceu a visita institucional da cónsul para sentar as bases dunha futura relación de colaboración e destacou os lazos histórico-culturais que unen ambos territorios e a importancia que supuxo para a galeguidade nos tempos de emigración. A importancia dos vínculos de Galicia con Brasil son innegables, xa que se trata dun dos países do mundo con máis residentes galegos e galegas.

Cómpre aclarar que o Consulado de Brasil en España divídese nas xurisdicións de Barcelona e Madrid, e a de Galicia formase parte desta última. Así, a comunidade máis numerosa da xurisdición do Consulado de Brasil en Madrid é a galega, cuns 9.000 cidadáns brasileiros na comunidade galega.

O vicepresidente primeiro da Xunta e a representante diplomática de Brasil en España abordaron no encontro asuntos que contribúan ao desenvolvemento económico dos dous territorios e o interese de estreitar as relacións bilaterais co obxectivo de avanzar nos intereses comúns entre Galicia e Brasil como unha prioridade da acción exterior da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023