A Policía Autonómica comisa máis de nove quilos de navalla en Pontevedra

Os axentes, en coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia, levantaron unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023 Axentes da Policía Autonómica da xefatura de Pontevedra comisaron o pasado 15 de xuño máis de nove quilos de navalla no porto de Praceres, en Pontevedra.

Os axentes detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros nun cesto e agachaban na zona do aparcadoiro de vehículos do porto. Ao inspeccionalo, comprobaron que contiña 9,1 quilos de navalla e procederon ao seu comiso tras constatar que estaban por debaixo do talle mínimo. As navallas, ao atoparse vivas, foron devoltas ao mar nas proximidades da illa de Tambo.

A Policía Autonómica, en coordinación co Servizo de Gardacostas de Galicia, levantou unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023