A Xunta impulsa a mellora na investigación e a resilencia fronte aos lumes forestais cun taller con expertos no CIF de Lourizán

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán reuniu varios expertos para tratar a mellora na xestión dos incendios forestais dentro do proxecto ENFIRES-NW, no que colaboran investigadores da Xunta e varias universidades, entre outros

Neste encontro, a Consellería do Medio Rural presentou as melloras tecnolóxicas para a loita contra os lumes en Galicia e os novos modelos de combustibles para a predición do comportamento dos incendios

Pontevedra, 22 de xuño de 2023 O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán reuniu hoxe un grupo de investigadores expertos na xestión e investigación dos lumes forestais, no marco do proxecto ENFIRES-NW que busca redefinir e caracterizar a vulnerabilidade dos ecosistemas mediterráneos fronte aos lumes forestais de cara á poder deseñar territorios máis resilientes fronte ao lume. Neste encontro, a Consellería do Medio Rural expuxo as características que presentan os incendios na nosa comunidade e as novas ferramentas tecnolóxicas na loita contra os lumes forestais.

A iniciativa ENFIRES-NW está dirixida pola investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Cristina Fernández, e colaboran ademais deste Centro, o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA-CSIC) e as Universidades de Castela a Mancha e Córdoba. Así, neste taller sobre a “Mellora da resiliencia aos incendios dos sistemas forestais mediterráneos”, coordinado pola propia Cristina Fernández, houbo diversas charlas con investigadores sobre temas como a caracterización dos combustibles forestais nos lumes ou sobre o papel da ciencia na xestión dos incendios. 

Entre as intervencións, o investigador do CIF de Lourizán José Antonio Vega presentou unha conferencia sobre os novos modelos de combustible de matogueira para a predición de comportamentos do lume. Mentres, a Dirección Xeral de Defensa do Monte colaborou no taller con charlas sobre os incendios forestais en Galicia, impartida polo subdirector xeral de Extinción, Fernando Veiga; e outra sobre as ferramentas tecnolóxicas na loita contra os lumes forestais, que presentará Gustavo Álvarez, coordinador de Sistemas e Tecnoloxías da Información deste departamento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2023