A Xunta pon en valor a colaboración transnacional na loita contra o lixo mariño dentro do proxecto CleanAtlantic

O conselleiro do Mar clausurou a conferencia final desta iniciativa europea onde enxalzou a súa importancia para mellorar os sistemas de xestión e monitorización de residuos mariños e para concienciar á cidadanía sobre o coidado do mar

A esta actuación súmanse outras apoiadas pola Xunta como os proxectos desenvolvidos ao abeiro das convocatorias de axudas da Consellería do Mar, enmarcadas no Plan MarLimpo e que permitiron retirar entre 2020 e 2022 máis de 235 toneladas de residuos mariños da costa galega

Vigo, 21 de xuño de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe o importante papel do proxecto CleanAtlantic na concienciación sobre a loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico. Un traballo, sinalou, que foi galardoado nos Atlantic Projects Awards e recoñecido polo Parlamento Europeo no informe sobre o impacto dos residuos mariños na pesca dada a importante implicación público-privada acadada así como pola súa capacidade de xerar coñecemento global neste eido.

O titular de Mar, que estivo acompañado pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, na clausura da conferencia final deste proxecto europeo, destacou outras accións impulsadas pola Xunta para protexer a biodiversidade mariña como o Plan MarLimpo, que fan de Galicia un exemplo neste eido.

Nesta liña, Alfonso Villares puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para mellorar os sistemas de xestión e monitorización do lixo mariño, concienciar á cidadanía e aliarse cos traballadores do mar neste cometido. Ademais agradeceu o labor dos participantes en CleanAtlantic, que foi coordinado polo Cetmar e que contou coa participación de 19 socios de Irlanda, Portugal, Francia, Reino Unido e España.

Dentro dos socios galegos, ademais do Cetmar, están o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e outros como o Centro Oceanográfico de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela. Outros actores implicados son os profesionais das confrarías de pescadores de Cambados e da Illa de Arousa así como o Servizo de Gardacostas de Galicia, o colexio e o instituto da Illa de Arousa, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Tecnopesc.

 

CleanAtlantic naceu co obxectivo de mellorar as capacidades de prevención, seguimento e redución do lixo mariño e está enmarcado no Programa Transnacional Espazo Atlántico 2014-2020. Dentro desta iniciativa os investigadores analizaron distintos mecanismos de estudo, prevención, eliminación, formación e concienciación sobre o lixo mariño desde distintas perspectivas en territorio europeo.

Outras actuacións

Ademais de CleanAtlantic, a Xunta apoia proxectos de retirada de residuos mariños desenvolvidos ao abeiro das convocatorias de axudas da Consellería do Mar, enmarcadas no Plan MarLimpo. Entre os exercicios 2020 e 2022 estas iniciativas permitiron extraer máis de 235 toneladas e supuxeron a realización de 163 limpezas activas coa participación de 660 persoas e 10 embarcacións ás que se engadiron as recollidas pasivas de 470 profesionais do mar e máis de 100 embarcacións cunha achega pública global de máis de 1,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023