Máis de 400 novos funcionarios elixirán destino este mes tras superar os procesos selectivos de auxiliar de clínica, saúde laboral e veterinarios

O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se convocan as eleccións de destino

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Un total de 410 novos empregados públicos elixirán destino este mes de xuño tras superar os procesos selectivos de auxiliar de clínica, saúde laboral e de veterinarios. 

En concreto, esta elección de destino afecta a 305 persoas que superaron o proceso para o ingreso na escala de auxiliares de clínica (A2), 95 aspirantes que superaron os procesos para o ingreso na escala de veterinarios (A1) e no grupo I, titulado/a superior veterinario/a de persoal laboral; e 10 persoas que superaron os procesos para o acceso á escala superior e á escala técnica de saúde laboral. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos vindeiros días as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se convoca a elección de destino provisional para aqueles aspirantes que superaron estes procesos selectivos. 

Procedemento telemático

O procedemento de elección será telemático e deberá realizarse a través dun sistema electrónico ao que se poderá acceder a través da páxina web da Dirección Xeral da Función Pública funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos». Para isto, a Dirección Xeral remitirá aos aspirantes un correo electrónico co usuario e a clave de acceso á aplicación. 

O acto de elección de destino supón a parte final dun proceso selectivo. A medida que os procesos van concluíndo, a Administración convoca os actos de elección para que os aspirantes que os superaron poidan elixir un destino entre todos aqueles que se lle ofertan.

 

Data de actualización: 21/06/2023