A Xunta convoca unha poxa para a adxudicación de máis de 127.000 m2 de solo empresarial na Plisan

As parcelas asignaranse en réxime de compravenda a partir de 80,19 euros o metro cadrado e en dereito de superficie a partir de 1,20 euros por metro cadrado e ano

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de setembro
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia convocou hoxe unha poxa pública de parcelas urbanizadas na Plataforma Loxístico Empresarial de Salvaterra-As Neves (Plisan) mediante a cal se pon á disposición das empresas 31 parcelas que suman un total de 127.287,88 metros cadrados.

Tal e como se recolle no anuncio publicado hoxe no DOG, as parcelas serán adxudicadas polo procedemento de poxa á alza, existindo a posibilidade de adxudicación en réxime de compravenda ou en dereito de superficie. A tal fin, os interesados disporán de prazo ata o vindeiro 15 de setembro para a presentación das súas ofertas.

En total o solo empresarial porase no mercado cun prezo de venda de 80,19 euros por metro cadrado, máis IVE. No caso de que a adxudicación se faga na modalidade de dereito de superficie o canon anual a pagar polos adxudicatarios será do 1,5% do prezo da parcela nos dous primeiros anos, o 2,5 % nos dous seguintes anos e o 3,5% no quinto ano e sucesivos. O canon actualizarase conforme á variación anual do Índice de Garantía da Competitividade.

Desta maneira, nos dous primeiros anos as empresas adxudicatarias en dereito de superficie pagarán un canon de 1,2 euros (máis IVE) por metro cadrado e ano.

Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, realizarase a poxa pública na data que se anuncie con antelación. As parcelas serán adxudicadas á mellor oferta e terán preferencia as ofertas de adquisición sobre as de adxudicación en dereito de superficie cando exista concorrencia de ofertas sobre a mesma parcela.

Os adxudicatarios do solo quedarán obrigados a implantar a súa actividade na parcela adxudicada no prazo máximo de tres anos dende a formalización en escritura pública. Asemade, deberá desenvolver a súa actividade durante un prazo mínimo de cinco anos dende o inicio da mesma.

Actualmente na Plisan están xa adxudicadas 13 parcelas (cunha superficie de 220.467,66 metros cadrados) a 6 empresas. A continuación se relacionan as parcelas incluídas na poxa, a súa superficie e o prezo de venda, sen IVE.

Data de actualización: 21/06/2023