O presidente da Xunta participou no acto de inauguración do Iberik Gran Balneario de Guitiriz & Golf

Rueda destaca a potencia termal de Galicia como atractivo turístico “de calidade e diferencial”

Celebra a recuperación dun edificio centenario e emblemático que acada unha nova vida grazas a inversión privada “e a colaboración entre administracións”

Recorda que Galicia, que “concentra o 20 % da oferta termal de España”, é a primeira potencia termal do Estado e a segunda de Europa

Resalta que Galicia segue a bater récords de turistas e que é un bo exemplo de como é posible “aumentar a cantidade” de visitantes sen renunciar “á calidade”
 

Guitiriz (Lugo), 21 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca que o turismo termal de “calidade e diferencial” que ofrece Galicia sitúa a comunidade como referente neste eido ao concentrar o 20% da oferta de establecementos termais de toda España e chegar aos 150.0000 visitantes durante o 2022. O titular do Goberno galego participou no acto de inauguración do Iberik Gran Balneario Guitiriz & Golf, que recupera un edificio centenario e emblemático para acadar unha nova vida grazas á inversión privada e a colaboración entre administracións.

O mandatario autonómico celebrou a aposta polo patrimonio termal de Galicia como un valor seguro, tendo en conta que as calidades das augas termais galegas son recoñecidas desde hai séculos e que, hoxe en día, Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda de Europa. Asegurou que, grazas á iniciativa privada e co apoio da Administración autonómica, hoxe os balnearios galegos “representan o 20 % de toda a oferta termal en España”, un abano dispoñible para un visitante que rexeita o turismo masificado e busca calidade e saúde.

Rueda destacou que “todas as administracións” colaborasen na recuperación da actividade neste balneario de Guitiriz. O presidente explicou que a remodelación do inmoble supuxo un investimento de máis dun millón de euros. “Procedentes de Europa, depositados no Ministerio de Hacienda e canalizados a través do Igape”, explicou.

Alfonso Rueda resaltou que “Galicia está de moda” é destacou o papel que teñen os establecementos turísticos –“desde os mais grandes aos pequenos hoteleiros ou restauradores”- nas cifras récord de turismo que segue acadando Galicia. Nesta liña, recordou que Galicia pechou un Xacobeo de récords, con 6,5 millóns de viaxeiros e máis de 12 millóns de pernoctacións no 2022, unhas cifras que se esperan superar ao longo do 2023. No que vai deste ano xa se rexistraron case 158.000 compostelas (o ano pasado foran 151.000 contando todo o mes de xuño) “e a previsión é superar os 800.000 peregrinos este ano”, indicou. E no que respecta a viaxeiros, no primeiro cuadrimestre sumáronse 1,3 millóns (19 % máis que no 2022) e 2,3 millóns de noites (un 17 % máis). Rueda asegurou que Galicia é un bo exemplo de como “é posible aumentar a cantidade de turistas” sen mermar a calidade.

O mandatario galego ratificou o apoio da Xunta ao sector do termalismo porque permiten diversificar, desestacionalizar e dinamizar social e economicamente as zonas nas que están os balnearios, a miúdo en comarcas do interior e rurais.

Ese compromiso materialízase en campañas de promoción, con Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de vilas termais e cascos históricos, ou coa creación, dentro da Axencia Turismo de Galicia, dunha área específica para potenciar o turismo termal. Iniciativas que se suman a outras con tan boa acollida como o bono turístico. En definitiva, un conxunto de accións que buscan xerar riqueza e emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023