O conselleiro do Mar participou no acto de presentación destes encontros que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco

A Xunta enxalza a calidade e oferta da Cociña do Mar de Galicia a través de cinco foros gastronómicos na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago

O conselleiro sinalou que o obxectivo principal é animar á cidadanía a consumir os produtos das rías galegas, así como poñer en valor o labor dos profesionais da cadea mar-industria e tamén o das cociñeiras e cociñeiros cos que conta a comunidade

Os eventos contarán coa participación de pescadores, mariscadoras ou confrarías, chefs, investigadores, operadores turísticos, persoal académico, profesionais da saúde e bloggers, entre outros

As xornadas enmárcanse na campaña Galicia sabe amar posta en marcha polo Executivo autonómico e dan continuidade ás catro rutas con foodtrucks que están a percorrer distintos concellos de España vencellados co Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe a calidade dos produtos do mar de Galicia así como a gran oferta gastronómica e hostaleira da comunidade, virtudes que pretende promocionar a Xunta nos vindeiros meses a través de cinco foros enmarcados na campaña Galicia sabe amar. Así, con #aCociñaDoMar como fío condutor, as cidades da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela acollerán charlas, mesas redondas, obradoiros de cociña e degustacións ao longo do segundo semestre deste ano.

Durante o acto de presentación destes eventos, que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco, o titular de Mar sinalou que o obxectivo principal da iniciativa é animar á cidadanía a consumir os produtos do mar de xeito local e responsable, así como poñer en valor o labor dos profesionais da cadea mar-industria e tamén o das cociñeiras e cociñeiros cos que conta a comunidade.

Neste sentido, tal e como explicou o conselleiro, os foros contarán coa participación de pescadores, mariscadoras ou confrarías, chefs, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnado, profesionais da saúde, xornalistas gastronómicos, bloggers, entidades ou institucións do sector.

Cada unha das cinco xornadas terá como protagonista unha temática: o territorio –para falar da orixe do produto e a súa vinculación co desenvolvemento económico local–; a sostibilidade –enfocada na realización dunha actividade máis verde–; a formación e investigación –para abordar a aplicación de novas disciplinas e tecnoloxías á xeración de novos produtos e á mellora das experiencias gastronómicas–; a saúde e o benestar –enxalzando os beneficios de incluír os produtos do mar na dieta–; e as redes sociais –destacando a importancia destas á hora de difundir as bondades destes produtos e a súa versatilidade na cociña–.

En cada un destes encontros crearanse espazos de discusión onde se analizarán os retos de futuro no ámbito da cociña relacionada co mar co obxectivo de crear sinerxías e implicar á sociedade a través das distintas actividades e obradoiros.

Nomes propios

O acto de presentación de hoxe contou coa presenza de reputados chefs que, segundo está previsto, serán os que capitaneen tamén os cinco foros, como son Yayo Daporta
–propietario do seu restaurante homónimo en Cambados–, Moncho Méndez –de Millo Orzán, na Coruña–, Lucía Freitas, –da Tafona e a
Barra Gastronómica Lume, en Santiago–, Daniel Guzmán –de Nova, en Ourense– e Héctor López –do restaurante España, en Lugo– que ofreceron o seu saber facer ao público asistente a través de distintas degustacións.

Uns “aliados de excepción”, tal como indicou Alfonso Villares, que axudarán a promover a gran oferta culinaria e hostaleira coa que conta Galicia xunto ao resto de axentes vencellados á cociña do mar.

Estes foros conforman a segunda liña de actuación da campaña Galicia sabe amar pensadas para este ano, dando continuidade ás catro rutas de foodtrucks iniciadas en febreiro que están a ofrecer petiscos de produtos certificados das rías galegas por distintos concellos de España vencellados co Camiño de Santiago

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023