A Policía Autonómica levanta tres actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado no festival O Son do Camiño

O levantamento foi a postos ambulantes localizados nas proximidades do evento que carecían de cartel informativo da prohibición de venda e subministración de alcohol a menores, así como de licenza municipal de actividade

Os axentes identificaron tamén 140 menores de idade

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica en Santiago levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade no festival O Son do Camiño, celebrado os pasados días 15, 16 e 17 de xuño en Compostela e de cuxo dispositivo de protección e seguridade formou parte este corpo policial. Como resultado das inspeccións identificouse 140 menores e levantáronse tres actas de infracción por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010, en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores de idade.

O levantamento das actas foi a postos ambulantes localizados nas proximidades do evento por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010 en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores. Os establecementos carecían tanto de cartel informativo da prohibición de venda e subministración de alcohol a menores como de licenza municipal de actividade.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expendedores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.

Data de actualización: 21/06/2023