O presidente da Xunta visitou o CIFP As Mercedes de Lugo, que forma parte da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional

Rueda salienta a revolución silenciosa e imparable da Formación Profesional galega cunha oferta de 42.174 prazas, a máis alta da historia de Galicia

Destaca que o alumnado de FP poderá elixir no vindeiro curso entre 182 ensinanzas diferentes
 

Anuncia que se vai seguir ampliando ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando criterios para cursalos
 

Defende a aposta “rompedora e innovadora” pola FP Dual da que asegura que está a reducir a taxa de abandono escolar, propiciando a remuda xeracional ou suplindo o déficit de traballadores que rexistran certos sectores
 

Lugo, 21 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a “revolución silenciosa e imparable” que está a rexistrar a Formación Profesional galega cunha oferta de 42.174 prazas para o vindeiro curso, o que supón un incremento do 12 %, “a maior da historia de Galicia”, enxalzou.

“A revolución da FP en Galicia non fixo máis que empezar”, incidiu Rueda durante unha visita ao CIFP As Mercedes de Lugo, que forma parte da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional, e onde acudiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. O mandatario galego aproveitou esta visita para pór en valor a Formación profesional, á que erixiu como “unha opción preferente” para cada vez máis estudantes por ofrecer “camiños laborais con moitísimas saídas”. 

O presidente garantiu que o Goberno galego vai seguir reforzando a Formación Profesional en Galicia “ampliando o número de ciclos, ofrecendo máis recursos económicos e flexibilizando os criterios para cursalos”. Así, explicou que no vindeiro curso o alumnado poderá escoller entre 182 ensinanzas diferentes de FP, “cun aumento de 4.500 prazas”.  

Rueda precisou que ese abano inclúe nove titulacións máis, das que tres son de alta especialización a través da FP Dual; “unha delas, o ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición que se vai impartir no centro lucense”, engadiu.

Ademais, garantiu que a Xunta seguirá potenciando a FP Dual, “cun incremento de 135 % das prazas respecto do curso pasado”, o que permitirá incorporar na provincia de Lugo segundo concretouas familias profesionais de Imaxe e Son e Marítimo Pesqueira.     

Vantaxes da FP Dual

Rueda aproveitou esta visita para defender as “vantaxes” da Formación Profesional Dual, un modelo que cualificou de “rompedor e innovador”, do que salientou que está a “reducir a taxa de abandono escolar, diminuíndo o déficit de traballadores existentes nalgúns sectores, suplindo a falta de remuda xeracional, aumentando a empregabilidade e fixando poboación no territorio”.

Durante a visita, o presidente da Xunta fixo un percorrido polo CIFP As Mercedes de Lugo, que imparte na actualidade ciclos das familias de Comercio e Márketing, Enerxía e Auga e Transporte e mantemento de vehículos, e que o vindeiro curso incorporará o ciclo superior de Automoción especializado en vehículos de competición. Neste senso, o mandatario galego puxo de exemplo este centro como “a mellor demostración da simbiose entre o que pide o mercado laboral e o que a Xunta ten que ofrecer a través de FP”. “Este é o segredo”, argumentou. 

O CIFP As Mercedes pertence desde o ano 2022 á Rede estatal de Centros de Excelencia de FP no sector aeronáutico e, nos últimos anos, a Xunta investiu nel 5,3 millóns de euros para adaptalo ás necesidades dunha formación de calidade que aspira á excelencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2023