A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal no concello coruñés de Vimianzo

O lume afectou 0,6 hectáreas de superficie debido aos impactos dunha rozadoira de cadeas nunhas pedras que xeraron chispas e deron lugar ao inicio do incendio

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023 Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela en colaboración con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural  veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 25 de maio no concello coruñés de Vimianzo. O lume afectou 0,61 hectáreas de terreo na parroquia de Berdoias.

A investigación puxo de manifesto tras unha inspección ocular que na parcela se atopaban varias pedras con marcas dunha rozadoira de cadeas, de maneira que os impactos das partes metálicas cos penedos xeraron chispas que deron lugar ao inicio do lume. Por estes feitos, tomouse declaración como presunta autora do incendio á persoa que realizou a roza forestal cun tractor e unha máquina de cadeas.

Os axentes remitiron as dilixencias ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Corcubión.

A Policía Autonómica leva investigadas no que vai de ano un total de 12 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 20/06/2023