A Xunta organiza un simulacro para optimizar a coordinación dos recursos galegos e portugueses ante incendios forestais transfronteirizos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta mañá no exercicio, que requiriu da activación da Situación 2 polo risco para a poboación e parques empresariais

Para esta actividade constituíronse un centro de control e decisión no Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias e un Punto de Recepción de Medios (PRM)

O proxecto, financiado polo programa operativo de cooperación Interreg, busca promover a axuda mutua entre España e Portugal

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 20 de xuño de 2023

Esta mañá desenvolveuse no concello de Salvaterra de Miño un simulacro de incendio forestal transfronteirizo que ameazaría varias zonas sensibles tanto no lado portugués como no galego, entre eles unha vivenda e o polígono industrial salvaterrense. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, estivo presente durante o exercicio, así coma o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, que integrou o Posto de Mando Avanzado.

 

A operación estivo monitorizada en todo momento desde as instalacións da empresa Seguridade Galega Nosa Terra (Seganosa), especializada na formación en seguridade industrial e emerxencias. Desde alí, coordinouse a acción dos equipos de intervención neste incendio simulado, que se orixinou nas proximidades de Quinta Portelinha, no municipio luso de Monção, e que se estendería ao norte do río Miño, á superficie do concello de Salvaterra de Miño.

 

Os servizos de emerxencias de Galicia e Portugal tiveron que colaborar estreitamente para protexer núcleos de poboación e industriais especialmente delicados, coma unha vivenda na parroquia de Alxen, o polígono salvaterrense ou a Depuradora de Augas Residuais de Monção.

 

O principal obxectivo desta actividade é poñer en práctica os diferentes protocolos de actuación nunha situación crítica, na que a rapidez de acción e a capacidade de colaboración resulta clave.

 

O proxecto de protección transfronteiriza de emerxencias dirixida á poboación da eurorexión Galicia-Norte de Portugal (PROTEMPO), financiado polo programa operativo de cooperación Interreg, busca promover a axuda mutua entre España e Portugal, reforzando as relacións económicas e as redes de cooperación.

 

Deste xeito, estudouse o funcionamento do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) e a súa interacción co Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA).

 

Tamén, fixéronse probas para realizar unha correcta difusión de información entre a poboación, nun hipotético caso real, que implique un incendio forestal con posibilidade de confinamento ou evacuación ou mesmo a coordinación entre os medios operativos lusos e galegos.

 
 

Difusión entre a poboación

No recinto de Seganosa reuniuse un nutrido grupo de membros das diferentes asociacións empresariais, de comerciantes e veciñais da zona, coa finalidade de achegar a estes colectivos as tarefas preventivas para evitar poñer en perigo persoas e infraestruturas, e coñecer como actuar neste tipo de conxuntura que pode afectar directamente á poboación.

 

Tamén estiveron presentes varios colexios, tanto galegos como portugueses, que recibiron unha charla divulgativa e puideron observar o operativo con detalle.

 

Amplificar as tarefas no ámbito da auto protección cóntase entre os esforzos da AXEGA para que a información chegue á cidadanía da maneira máis clara e coa menor distorsión posible.

 

Mobilización de recursos de ambos os dous lados do Miño

Para este exercicio, activaranse medios de ambos os dous lados da fronteira e pertencentes a distintas administracións e organismos. Así, cóntase coa participación dos equipos de intervención da Consellería do Medio Rural, cos Bombeiros do Baixo Miño, cos membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteareas e cos Bombeiros de Monção, Valença, Vila Nova da Cerveira e Melgaço. Tamén, desde o punto de vista sanitario, acudirán os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia e do INEM de Portugal, como os voluntarios da Cruz Vermella. Xa no capítulo das unidades de apoio loxístico, intervirán os voluntarios de Protección Civil do Porriño, Salceda, Tui e Oitavén-Tea, así como os técnicos do GALI, o grupo de apoio da Axencia Galega de Emerxencias.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023