A Xunta premia a estudantes do IES Coruxo, do CPR Plurilingüe Barreiro e do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo no certame Consumópolis

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe os centros educativos galardoados nesta iniciativa mediante a cal se impulsa o consumo responsable nos máis novos

Vigo, 20 de xuño 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Vigo os centros IES Coruxo, CPR Plurilingüe Barreiro e IES San Tomé de Freixeiro, gañadores na última edición do certame Consumópolis, impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O certame ten como finalidade potenciar a educación para o consumo responsable nos centros de ensino, así como motivar un traballo activo e colaborativo de alumnado de 5º e 6º de primaria, da ESO e FP básica. Con tal fin o concurso consta de dúas partes: a primeira, unha cidade virtual na que o alumnado ten que superar 10 probas aprendendo sobre un consumo máis responsable, crítico, consciente e sustentable, así como os seus dereitos como potenciais persoas consumidoras; e unha segunda parte, que é a realización dun traballo en equipo.

Nesta décimo oitava edición de Consumópolis, organizada baixo o lema Na internet, cres todo o que ves?,participaron uns 1500 alumnos e alumnas de toda Galicia, que tiveron que deseñar, elaborar e presentar un traballo conxunto sobre consumo responsable que consistiu na elaboración dun vídeo sobre o uso responsable da internet no ámbito escolar, familiar e social, que apoiara o lema principal da presente edición.

Establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os tres mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros. Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro e segundo lugar diferentes equipos de alumnos do CPR Plurilingüe Barreiro, en Vigo; e en terceiro lugar un equipo do CEIP de Louridode Poio. No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro e segundo premio recaeu no IES San Tomé de Freixeiro de Vigo; e o terceiro premio no IES Plurilingüe Maruxa Mallo de Ordes.

Na categoría de 3º e 4º de ESO e FP básica o primeiro premio recaeu no IES Coruxo de Vigo, o segundo lugar foi para o CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña e o terceiro premio recaeu no IES Plurilingüe Fontexería de Muros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023