Emigración renova a colaboración coa Asociación de Emigrantes Retornados en Galicia (AJERGA) co obxectivo de continuar a facilitar a integración dos bolseiros BEME

A Secretaría Xeral da Emigración destina 15.000 euros a esta entidade co obxectivo de colaborar no financiamento dos gastos derivados da execución de accións de asesoramento a mozos e mozas retornados, organización de actividades formativas, culturais e sociais para a mocidade, así como a difusión e promoción das mesmas en Galicia e no exterior

Mantense así un acordo que permite, dende 2019, facilitar a integración laboral e social dos bolseiros Beme e consolidar o seu establecemento en Galicia

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, renovou esta mañá o acordo de colaboración co presidente da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia (AJERGA), Raúl Barrantes, o que permitirá destinar 15.000 euros para o financiamento dos gastos derivados da execución de accións de asesoramento a mozos e mozas retornados por esta entidade, organización de actividades culturais e sociais para a xuventude, así como a difusión e promoción das mesmas en Galicia co obxectivo de ofrecer aos galegos que volven á comunidade autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de adaptación á sociedade galega.

Deste xeito, e dada a boa acollida que tiveron en anos pasados as acción executadas a través desta asociación cos bolseiros galegos retornados Beme, vólvese a establecer un marco da colaboración entre as entidades asinantes para desenvolver accións de difusión, acompañamento, información e formación dirixidas ás persoas galegas que residan no exterior, así como as que retornen á Comunidade autónoma galega. 

A Secretaría Xeral da Emigración continúa así a colaboración con esta entidade para ofrecer ás persoas emigrantes retornadas á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de adaptación á sociedade galega, especialmente no caso dos bolseiros do programa Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). De feito, esta asociación constituíuse en 2019 por bolseiros da primeira promoción deste programa e continúa a medrar cos novos bolseiros que chegan cada ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023