O conselleiro de Educación, a presidenta da Fundación María José Jove, e o presidente da Fundación INGADA entregan o recoñecemento

Román Rodríguez agradece ás Fundacións INGADA e María José Jove a súa implicación para conseguir unha escola plenamente inclusiva

O conselleiro de Educación destaca o compromiso destas entidades a través da Bolsa INGADA-Fundación María José Jove para proxectos no eido do TDAH que recaeu na profesora Eva Álvarez, do Instituto Sanxillao de Lugo

A Xunta apoia esta iniciativa no marco do Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade que acadou máis de 3.000 docentes formados

O proxecto gañador, de robótica educativa, poderá ser implantado no centro ao abeiro do premio, dotado con 3.000 euros

A Coruña, 20 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente da Fundación INGADA, Ángel Carracedo, entregaron hoxe a IX Bolsa INGADA- Fundación María José Jove á profesora do Instituto IES Sanxillao (Lugo) Eva Álvarez Dapena polo seu proxecto de robótica educativa inclusiva. Trátase do mellor traballo presentado a través do Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, organizado por estas dúas entidades co respaldo da Xunta de Galicia.

A iniciativa da docente do Sanxillao consiste nunha aposta pola metodoloxía motivadora de programación e robótica que consegue estimular o potencial creativo e expresivo dos estudantes a través do desenvolvemento de pequenos proxectos a curto prazo de resolución de problemas, fomentando o traballo en equipo de alumnos con e sen TDAH. Para implantalo no seu centro, recibe a bolsa INGADA-Fundación María José Jove, dotada con 3.000 euros.

A maiores, resultaron finalistas Noelia Maceda Gallego, do colexio CEIP Rosalía de Castro (Bóveda) polo traballo O noso galiñeiro, e Luz García Garrido e Sandra Serramito Calo, do Colexio San José de Cluny (Santiago de Compostela), por A realidade virtual aplicada ao alumnado con TDAH no ámbito educativo.

Aposta pola atención á diversidade

O titular do departamento educativo da Xunta agradeceu ás fundacións INGADA e María José Jove a súa implicación no ensino e, neste caso concreto, “para seguir avanzando na consecución cunha escola plenamente inclusiva como a galega, caracterizada pola integración, a igualdade, a non discriminación e a atención á diversidade”.

“As aulas e os centros educativos son espazos que xogan un papel fundamental no desenvolvemento persoal do alumnado, que vai moito máis alá da transmisión de coñecementos ou ensinanzas teóricas”, destacou o conselleiro, quen sinalou a importancia de que os docentes conten coa formación axeitada para identificar calquera situación que precise dun apoio específico.

“Desde a Xunta queremos seguir colaborando convosco, ofrecéndovos as ferramentas idóneas para conseguir, entre todos, un ambiente escolar no que todos e todas poidan desenvolver todo o seu potencial e aprender de xeito efectivo”, salientou.

Formación impartida nas sete cidades galegas

Segundo os datos da Fundación INGADA, son máis de 3.000 os profesores formados desde o inicio do Curso de Formación de Profesorado en relación co Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, que vai pola súa novena edición e que se renova hoxe para unha décima.

Dirixida a docentes dos centros de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e FP de Galicia, a formación desta última edición impartiuse nas sete cidades coa asistencia de máis de 200 docentes. O obxectivo da iniciativa é achegar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo desde as aulas, favorecendo a maior inclusión do alumnado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023