Estudantes do IES Luis Seoane de Pontevedra gañan o certame de consumo responsable Galicons cun proxecto sobre linguaxe publicitaria

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe o centro educativo, que realizou co alumnado de bacharelato un traballo que reflexiona sobre como a publicidade impacta na vida dos adolescentes e na súa contorna

Pontevedra, 20 de xuño 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe en Pontevedra o IES Luis Seoane, gañador na categoría para alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas do certame autonómico de consumo responsable Galicons, impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O centro pontevedrés realizou co alumnado de bacharelato un proxecto sobre linguaxe publicitaria titulado I Feira de sostibilidade. Pensa, consume e actúa. RE_ÉTIKA, coa finalidade de reflexionar sobre como a publicidade impacta nas vidas dos adolescentes e na súa contorna, así como desenvolver no alumnado un pensamento crítico e independente e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo. Dentro do proxecto elaboraron a web de Eco-Étika como un punto de información na comunidade educativa entorno ao consumo responsable e organizaron unha feira con expositores e charlas para darlle visibilidade ao lema da iniciativa.

Galicons, que nesta edición contou coa participación de máis de 1200 alumnos e alumnas de toda Galicia, é un programa educativo coa finalidade de promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos galegos.

Na convocatoria dos premios establécense catro categorías de participación: categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria; categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas; e categoría D: alumnado de educación especial.

O mellor proxecto en cada unha das categorías recibe un premio de 1500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibe da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023