O alumnado da 15ª promoción de Policía Local formada na Agasp realiza esta semana prácticas no concello do Porriño

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiron hoxe a preto dun cento de axentes desta promoción que estes días coñecen o funcionamento diario das patrullas de Policía Local

A preparación nestas xornadas supón un avance da formación práctica que recibirán este verán nos seus concellos de orixe

A Agasp consolídase cada ano como centro de referencia na formación dos corpos e forzas de seguridade, así como de servizos de emerxencia

O Porriño (Pontevedra), 20 de xuño de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Porriño xunto co alcalde Alejandro Lorenzo aos 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Desde onte e ata mañá, o alumnado está a coñecer de primeira man como traballan os axentes da patrulla de Policía Local do municipio porriñés.  

Trátase dun primeiro contacto coa actividade ordinaria dos axentes deste corpo de seguridade, antes de que comecen as súas prácticas este verán nos seus concellos de orixe. De feito, este mesmo venres remata a primeira parte da formación teórica na Academia, durante a época estival realizarán a parte práctica e en setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica e graduarse antes de tomar posesión.  

Santiago Villanueva reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local e puxo en valor que a AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade con máis 3.000 alumnos en 15 promocións de Policía Local e nas distintas promocións de categorías de mandos.

Cada semana pasan tamén polas instalacións centos de efectivos de forzas e corpos de seguridade e de servizos de emerxencias da comunidade para actualizar os seus coñecementos nos cursos do plan de formación continua da Academia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023