A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou no Encontro anual Sostibilidade 360 no sector lácteo, organizado pola Fenil

A Xunta avoga por unha produción sostible do sector primario que respecte a biodiversidade

Ángeles Vázquez di que o sector lácteo debe avanzar cara a un novo paradigma, baseado nunha actividade respectuosa co medio ambiente que dea como resultado un produto sostible e de alto valor engadido, que reforce o renome e a reputación que xa ten

Madrid, 20 de xuño de 2023

A Xunta avoga por unha produción sostible do sector primario que respecte a biodiversidade e garanta a soberanía alimentaria, tal e como defendeu a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa participación na mesa redonda A sostibililidade desde o punto de vista institucional, que se celebrou no marco do Encontro anual Sostibilidade 360 no sector lácteo, organizado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil). 

Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda incidiu en que “a sostibilidade é un dos principais retos do sector lácteo”, que debe avanzar cara a un novo paradigma, baseado nunha actividade respectuosa co medio ambiente que dea como resultado un produto sostible e de alto valor engadido, que reforce aínda máis o renome e a reputación que xa ten. “O leite galego é sinónimo de calidade”, aseverou. 

A maiores, tal e como salientou Ángeles Vázquez, o sector lácteo ten un papel clave tanto a nivel social como ambiental. Así, a súa contribución é fundamental para fixar poboación no rural, unha cuestión na que o Goberno galego leva anos traballando a través do desenvolvemento de políticas transversais para garantir a prestación adecuada de servizos á cidadanía, vivan onde vivan, e garantir a súa calidade de vida. 

Desde o punto de vista ambiental, tanto a agricultura como a gandería son actividades básicas na xestión dos recursos naturais e na protección da biodiversidade. De feito, a vicepresidenta puxo en valor o compromiso do Goberno galego para acadar o obxectivo de compatibilizar a viabilidade económica das explotacións agropecuarias coa preservación da fauna silvestre.  

Nesa liña, puxo como exemplo as liñas de financiamento que a Xunta puxo en marcha tanto para previr como para paliar os danos ocasionados polos ataques de lobo logo da inclusión desta especie no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Para concluír, a vicepresidenta segunda subliñou que o Goberno galego é moi consciente do esforzo que está a realizar o sector primario por desenvolver unha actividade respectuosa co medio ambiente e garantiu o apoio da Xunta a unha actividade imprescindible na Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023