Martina Aneiros anima a concellos e establecementos a solicitar as axudas da marca Q de Calidade Turística

A presente convocatoria dispón dun orzamento de 170.000 euros tanto para a liña dirixida aos concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen servizo públicos de competencia local como a destinada a titulares de establecementos ou servizos turísticos

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o próximo 6 de xullo

Ferrol, 20 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria das axudas de Turismo de Galicia para a certificación, seguimento ou renovación das correspondentes normas UNE co obxecto de obter ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística de Española (ICTE). Dela informou esta mañá a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, durante una visita ao establecemento Viaxes Galitur, acompañada do xerente do negocio.

“Con estas axudas Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego”, indicou Aneiros.

A Xunta de Galicia dotou a presente convocatoria dun orzamento de 170.000 euros tanto para a liña dirixida aos concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local (categoría 1ª), como para a destinada ás persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos (categoría 2ª), que deberán ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

Martina Aneiros animou tanto a concellos como a establecementos turísticos a concorrer a estas axudas cuxo prazo de presentación de solicitudes finaliza o próximo 6 de xullo e lembrou que estas deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023