Cinco foros da campaña Galicia sabe amar porán en valor a gastronomía do mar da comunidade galega

O Hotel Monumento San Francisco acollerá mañá ás 12,30 horas a presentación destes eventos que se celebrarán na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela e que buscan enxalzar a calidade dos peixes e mariscos galegos

Estas xornadas súmanse ás catro rutas con foodtrucks que están a percorrer distintos concellos de España nos que ofrecen degustacións a base de produtos certificados do mar de Galicia
 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

A Xunta realizará en próximos meses cinco foros para poñer en valor a gastronomía do mar a través de charlas, mesas redondas, demostracións de cociña en directo e degustacións. O Hotel Monumento San Francisco acollerá mañá ás 12,30 horas a presentación destes eventos que se celebrarán na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela e que se enmarcan dentro da campaña GALICIA SABE AMAR.

Con ese fin, os foros celebraranse en cinco cidades galegas e neles participarán profesionais do mar, chefs, investigadores, operadores turísticos, docentes e alumnos, profesionais da saúde, xornalistas especializados, influencers e entidades ou institucións do sector. Deste xeito, neles analizaranse os retos de futuro e buscarase crear alianzas no ámbito da cociña relacionada co mar así como implicar á sociedade a través das distintas actividades e obradoiros.

As cinco xornadas xirarán en torno a unha temática protagonista en cada unha das cidades, como son o territorio, a sostibilidade, a formación e a investigación, a saúde e o benestar e as redes sociais.

Ademais estes encontros servirán para crear contido de valor sobre a oferta culinaria e os produtos do mar da comunidade galega, destacar e promover a oferta gastronómica local así como proxectos do ámbito marítimo-pesqueiro da contorna das cidades nas que se celebrarán.

Estas xornadas súmanse ás catro rutas con foodtrucks que están a percorrer distintos concellos de España nos que ofrecen degustacións a base de produtos certificados das rías galegas e que tamén forman parte da campaña GALICIA SABE AMAR. Unha iniciativa coa que Executivo galego busca animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais do mar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 20/06/2023