Emigración apoia o compromiso do Festival Internacional Rebulir 2023 co recoñecemento ás accións culturais das entidades galegas do exterior

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladoulle ao director do Festival Internacional Rebulir 2023, Alexandre Sotelino Losada, o apoio do departamento autonómico a este evento que, como cada ano, desenvolverase no concello de Ramirás, en Ourense, polo recoñecemento que realiza ás accións culturais das entidades galegas do exterior.

O XVII festival Internacional Rebulir é unha das citas do almanaque lúdico-cultural de Ramirás (Ourense), que mobiliza en cada edición a centos de veciñas e veciños que acoden a desfrutar da música, dos obradoiros e das animacións programadas, moitos deles, galegos do exterior que aproveitan esta festa para achegarse ata este concello ourensán. Dentro deste festival, fallaranse os premios Rebulir de Cultura Galega, que teñen como obxectivo realizar un recoñecemento as persoas e colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da nosa cultura e a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, como é o caso das entidades galegas do exterior, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2023