A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu o Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible

A Xunta incorpora ao redor do 90% das alegacións presentadas á orde que regulará os usos públicos e as actividades permitidas no arquipélago dos Guidoiros

Ángeles Vázquez incide en que esta orde, cuxa previsión é que entre en vigor a comezos do mes de xullo, pretende garantir o equilibrio entre a protección dos valores e o aproveitamento público deste espazo natural

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que a Xunta incorporou ao redor do 90% das alegacións recibidas á orde que regulará os usos públicos e as actividades permitidas no arquipélago dos Guidoiros -do que forma parte o illote do Areoso- e da illa da Rúa.

Durante a súa intervención na reunión ordinaria que celebrou hoxe o Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible (Cogamads), Ángeles Vázquez salientou que está previsto que esta orde entre en vigor a comezos do mes de xullo co obxectivo de garantir o equilibrio entre a protección dos valores e recursos e o aproveitamento público deste espazo natural, que nos últimos anos vén rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.

A maiores, a vicepresidente segunda puxo en valor que esta orde, que hoxe foi informada favorablemente polo Cogamads, foi “moi participada” por todos os sectores implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para este espazo. De feito, ademais de reunións con todos os colectivos vinculados a este espazo natural -concellos da Illa de Arousa e Ribeira, Capitanía Marítima, departamentos autonómicos, confraría de pescadores, etc.-, incorporáronse ao redor do 90% das 375 alegacións e achegas recibidas, entre outros, por parte de administracións locais, autonómicas e estatais, empresas que operan na zona, entidades ambientais e cidadáns particulares, destacando, neste caso, as realizadas por afeccionados á pesca recreativa.

Deste xeito, a orde limita a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso, a través de tres quendas de visitas —do amencer ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00 horas ata o solpor—. Con esta nova organización redúcese o tempo de estadía para poder incrementar as frecuencias.

Ademais, entre os usos e actividades permitidos incorpórase o acceso á illa da Rúa e ao illote Pedregoso fóra do período de cría, o mergullo recreativo e deportivo en apnea, e tamén a pesca recreativa en todo o ámbito (salvo nos 200 metros que rodean o Areoso). De igual xeito, no caso dos usos autorizables previo permiso introdúcense tamén o mergullo recreativo e deportivo en grupos e con equipos autónomos, salvo na zona balizada no illote do Areoso.

Cómpre indicar tamén que a orde inclúe unha disposición adicional co fin de recoller explicitamente, de acordo coa normativa estatal, a liberdade de navegación en toda a lámina de auga do ámbito afectado pola regulación.

O acceso a este espazo farase a través dun sistema similar ao do acceso ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas ou á praia das Catedrais, que irá acompañado da realización de controis aleatorios.

A conselleira lembrou que o incumprimento das medidas incluídas nesta orde pode implicar sancións económicas que van desde os 3.000 euros ata os 200.000 euros no caso das infraccións graves.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023