Os centros poden impartir a FP a distancia cunha presencialidade de entre o 25 e o 100% en función das necesidades do alumnado

Así o explicou a directora xeral hoxe no Consello Galego de FP, co que se reuniu para presentar as 42.174 prazas da oferta do curso que vén

Esta posibilidade xa quedou recollida na orde que regula a FP a distancia, vixente desde 2010, e recordarase explicitamente esta semana no Diario Oficial de Galicia

As persoas que comezaron o ciclo na modalidade ordinaria presencial rematarano o curso que vén do mesmo xeito
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe co Consello Galego de FP para explicar a oferta de ciclos, másteres e programas formativos para o curso 2023/24. Un total de 42.174 prazas nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais, sectores e territorios.

Cómpre salientar que, do total das 42.174 novas prazas, 34.704 son na modalidade presencial, a maior oferta presencial da historia, e só 7.470 son a distancia. Ademais, haberá 1.482 grupos cursando Formación Profesional de xeito presencial e só 151 o farán a distancia.

A directora xeral lamentou a confusión xerada arredor da oferta de FP a distancia, e lembrou que todos os alumnos que iniciaron un ciclo ordinario presencial o curso 2022/23 van poder rematalo tamén de xeito presencial o curso que vén. No caso do alumnado que procede do réxime modular para adultos, os centros poderán regular a posibilidade de presencialidade, que vai do 25% do horario ao 100%, en función das necesidades do alumno.

De feito, a orde de 2010 que regula a FP a distancia xa recolle que  “a docencia nesta modalidade inclúe unha parte presencial no centro educativo cunha duración de entre o 25 % e o 100 % das horas semanais establecidas para cada módulo profesional. Os centros educativos adecuarán a duración desta formación para atender ás necesidades do alumnado matriculado”. Esta posibilidade recordarase esta mesma semana na publicación da oferta no Diario Oficial de Galicia.

En calquera caso, a representante da Xunta reiterou que o obxectivo da oferta a distancia é incrementar as oportunidades dos estudantes, atendendo ás necesidades de distintos colectivos como traballadores en activo aos que esta modalidade, máis flexible, lles permite compatibilizar estudos e traballo, favorecer así a conciliación e achegar a oferta a poboación do rural.

Cómpre lembrar que a formación a distancia é unha necesidade demandada por centros, estudantes e empresas, transmitida á Xunta durante os encontros realizados ao abeiro do Plan Conecta FP nos últimos meses para deseñar a oferta. Esta formación faise exclusivamente na modalidade de adultos e só en titulacións que, polas súas características, o permiten. De feito, moitas solicitudes dos centros para impartir esta modalidade non foron atendidas por este motivo.  

 

Data de actualización: 19/06/2023