Alfonso Rueda visitou a planta de Stolt Sea Farm no polígono industrial de Cuiña, en San Cibrao (Cervo)

O presidente galego destaca a fortaleza da acuicultura galega e garante o apoio da Xunta para manter o seu liderado

Asegura que Galicia é un dos mellores lugares do mundo para a cría de peixe, como demostra o feito de que a acuicultura facturara o ano pasado na Comunidade 256 M€, un 10 % máis que no 2021

Pon en valor a Lei do litoral de Galicia para compatibilizar a industria co coidado do medio ambiente

Insiste en pedir ao Goberno central a rebaixa do IVE dos produtos do mar e a necesidade de incluílos no Perte agroalimentario

Cervo (Lugo), 19 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pon en valor a fortaleza da acuicultura galega e garante o apoio do Goberno autonómico para manter o seu liderado. O titular do Executivo galego visitou hoxe a planta de Stolt Sea Farm no polígono industrial de Cuiña, en San Cibrao (Cervo) acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Rueda valorou a decisión da firma -unha empresa líder mundial na industria da acuicultura de peixes planos- por ter feito de Galicia o seu centro produtivo, así como a súa aposta por seguir medrando na Comunidade coa ampliación das súas plantas, incluída a de Cervo. A súa posición no mercado é unha proba máis de que Galicia é un dos mellores lugares do mundo para a acuicultura, como demostra o feito de que facturara o ano pasado 256 millóns de euros, un 10 % máis que no 2021. En concreto, os peixes de cultivo concentraron máis do 35 % do valor total malia representar menos do 5 % da produción. Nesas cifras van incluídas as do rodaballo -o 100 % da produción española é galega- e o linguado, especies que se crían en Cervo.

O titular do Goberno galego garantiu o apoio da Xunta ao sector para a posta en marcha de proxectos que crean en Galicia e no seu potencial, porque iso supón máis economía, máis competitividade e máis emprego. Asegurou que, de feito, un dos motivos que levou ao Goberno galego a poñer en marcha a Lei do litoral foi o de defender a actividade social e económica da costa respectando a legalidade e o coidado do medio ambiente. Ao respecto, Rueda incidiu en que dar seguridade xurídica e facilidades administrativas ás empresas para que sigan apostando por Galicia é unha prioridade do Goberno galego. “Son empresas que saben que no mar está o seu tesouro e son as primeiras interesadas en coidalo”, indicou. Por iso puxo en valor o acerto dunha norma que, preservando o coidado do medio ambiente, “permite que haxa vida económica”.

O presidente da Xunta indicou que as administracións están obrigadas a apoiar aos sectores produtivos no marco das súas competencias, aportando estabilidade e achegas para potenciar a súa competitividade. Nese contexto, o titular do Goberno galego insistiu en reclamar ao Goberno central a rebaixa do IVE dos produtos do mar e a necesidade de incluílos no Perte agroalimentario.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2023