A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, fixo entrega do galardón, dotado de 3.000 €, ao proxecto realizado polos escolares de 2ºB
Ethel Vázquez entrega o premio provincial Innovaugas 4.0 ao colexio Carmelitas de Ourense polo vídeo Xornal Auga, que aborda a importancia da economía circular
Vázquez Mourelle destaca da peza gañadora ‘Xornal Auga’ o nivel didáctico e a súa orixinalidade no formato de noticiario, onde os propios alumnos son os reporteiros dun telexornal no que relatan os problemas do planeta e a importancia de coidalo
O vídeo gañador traslada a importancia da economía circular, ensinando a facer uso das 5 R: reciclar, reutilizar, reducir, reparar e recuperar
Os premios, impulsados por Augas de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, ían dirixidos aos nenos de 1º e 2º de Primaria, que debían elaborar un vídeo sobre o respecto pola auga
Entre os proxectos presentados elixíronse 4 gañadores, un por provincia, ademais de finalistas
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, entregou hoxe o premio provincial Innovaugas 4.0 ao colexio Carmelitas de Ourense polo vídeo ‘Xornal Auga’, que aborda a importancia da economía circular.
Do vídeo gañador pola provincia de Ourense, ‘Xornal Auga’, a conselleira destacou a súa elaboración, o seu nivel didáctico e tamén a súa orixinalidade. Para a súa elaboración os alumnos empregaron o formato de telexornal, onde eles mesmos son os reporteiros que relatan os problemas que ten o planeta, como un mar cheo de lixo e de plásticos.
Con este vídeo, subliñou a conselleira, os rapaces trasladan de xeito moi gráfico, con imaxes moi ilustrativas, a importancia da economía circular, ensinando a todos a facer uso das 5 R: reciclar, reutilizar, reducir, reparar e recuperar. Cinco “R” que, remarcou, son indispensables para coidar o medio ambiente, a auga e o planeta.
A conselleira felicitou aos profesores pola implicación e o estímulo aos rapaces, e tamén aos alumnos de 2º B pola súa capacidade como reporteiros á hora de informar dos problemas que afectan ao planeta, que hai coidar entre todos.
Tamén expresou a satisfacción da Xunta pola acollida da convocatoria e o éxito de participación dos colexios galegos. Puxo como exemplo os vídeos presentados polos alumnos de 1º A, B e C e de 2º A e B deste centro escolar, cos que os rapaces ensinan o mellor xeito para transmitir esa mensaxe de coidado da auga; e valores e consellos para preservala e non malgastala.
En concreto, foron 5 vídeos elaborados polos rapaces do colexio Carmelitas de Ourense: ‘Xornal Auga’; ‘Detectives da auga’; ‘Versos comprometidos’ e ‘Salvemos a Terra’ que resultaron todos eles finalistas; e outro 5º vídeo presentado, ‘Super-Acuamáns’. Estes traballos, tal e como salientou a conselleira, abordan de xeito orixinal distintas temáticas sobre a utilización e contaminación da auga; con mensaxes e consellos cos que os rapaces ensinan o que se debe e non facer coa auga; animando tamén aos maiores a mudar as condutas prexudiciais para o noso medio.
Innovaugas 4.0
Estes premios enmárcanse no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para acadar solucións novas para a xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos, en equilibrio co medio natural.