O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica esta convocatoria que presenta como novidade o réxime de concerto social

A Xunta publica en réxime de concerto social as prazas de atención diúrna a menores con medidas de protección

Trátase de máis de 200 prazas que teñen como obxectivo proporcionarlles aos nenos e adolescentes unha serie de servizos de apoio socieducativo e familiar para favorecer o seu proceso de normalización

O DOG publica tamén a convocatoria en réxime de concerto social para xestionar os Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (Ciema) das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de máis de 200 prazas de atención diúrna a menores que teñen medidas de protección autonómica. Este programa, que ten como obxectivo proporcionarlle aos nenos e adolescentes unha serie de servizos de apoio socioeducativo e familiar, realizarase por vez primeira en réxime de concerto social.

O Goberno galego destina a esta iniciativa máis de 5,6 millóns de euros que permitirán incrementar o número de prazas ofertadas en unidades específicas nunha vintena. Son os profesionais dos equipos técnicos de menores os que establecen a idoneidade deste recurso en centros de día de atención integral para aqueles menores que se atopan dentro do plan individualizado de protección.

Ciema Lugo, Ourense e Pontevedra

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe tamén a convocatoria para xestionar os Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIema) das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Realizarase tamén por vez primeira en réxime de concerto social e está dirixido a menores que cometeron feitos delituosos e necesitan apoio educativo para a súa reinserción e socialización.

O pasado ano o número de menores que participaron desta iniciativa nestes centros superou os 400. É o propio xulgado o que decide a derivación a estes centros dos menores tendo en conta as súas circunstancias persoais, familiares e sociais.

Data de actualización: 19/06/2023