Miranda e Alén asisten á homenaxe a José Antonio Viñas no Festival Internacional Caravan, destacando a súa figura como colaborador esencial na divulgación da cultura galega no eido da emigración

Pereiro de Aguiar (Ourense), 18 de xuño de 2023

O secretarioxeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiron na tarde de onte aos actos en homenaxe a José Antonio Viñas, fundador da Asociación Cultural Queixumes dos Pinos, que se desenvolveron no IGF Caravan Festival Internacional 2023 en Pereiro de Aguiar. Miranda destacou a súa figura como colaborador esencial no eido da emigración, pola difusión constante da nosa cultura entre a colectividade do exterior, así como polos seus labores formativos ante os centros galegos.

 

No acto estivo tamén presente o alcalde da localidade, Luis Menor, o presidente da Unión Mundial de Folclore, Dorel Cosma, e os membros da Federación Internacional. Durante o mesmo, descubriuse unha placa de bronce dedicada a José Antonio Viñas, executada polo artesán galego Camilo Sieiro, sobre un monólito de pedra situado no atrio do Santuario dos Gozos. A homenaxe contou coa actuación da Asociación Cultural Sons do Miño, así como da cantante Cristina Eiró e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, enmarcándose no IGF Caravan-José Antonio Viñas Festival Internacional 2023, no que, ao longo de toda a semana, actuaron diferentes grupos de música popular chegados dende Francia, Israel, Italia, Romanía e España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2023