Promoción do Emprego recibe o premio Iniciativa da Administración do Colexio de Enxeñaría en Informática pola Rede de polos de emprendemento

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, recolleu hoxe o galardón na gala celebrada en Santiago de Compostela

Con este recoñecemento distínguense a iniciativas públicas innovadoras como é a rede de impulso ao emprendemento posta en marcha hai un ano pola Xunta

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fixo entrega do premio á colexiada de honra, Amparo Alonso Betanzos

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, recolleu hoxe en Santiago de Compostela o premio Iniciativa da Administración que lle concedeu o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pola posta en marcha hai un ano da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Con este galardón recoñécese ás iniciativas públicas innovadoras. En concreto, o Colexio distingue con este premio, que se entregou na 15 Noite da enxeñaría en informática de Galicia, á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego por poñer en marcha actuacións innovadoras baseadas no uso de ferramentas intelixentes, e outras accións para impulsar a inclusión e a igualdade.

A Xunta comezou a despregar por toda a xeografía galega no ano 2022 esta Rede, na que se avalían as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios. Galicia conta na actualidade con 8 polos activos que traballan xa nas catro provincias e dan cobertura ao 100 % do territorio.

A Rede está a desenvolver un importante labor para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo. Trátase dunha iniciativa que conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio, prestando asesoramento personalizado ás persoas emprendedoras en todas as fases dos proxectos.

Á gala tamén asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Corgos fixo entrega do premio á colexiada de honra, a Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023