Preto dun centenar de participantes formáronse sobre inclusión grazas ás xornadas da Escola Galega do Deporte

Durante as xornadas establecéronse sinerxías entre as 45 federacións deportivas galegas asistentes de cara a seguir avanzando no que ao deporte inclusivo se refire co fin de ampliar a oferta deportiva de Galicia para o colectivo de discapacidade garantindo a súa inclusión

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2023 Ao redor de 90 persoas de 45 federacións deportivas de Galicia participaron na xornada formativa gratuíta sobre deporte inclusivo titulada: ‘Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional’. Todos os participantes coincidiron en tratarse dunha experiencia enriquecedora xa que permitiu establecer sinerxías entre as federacións deportivas galegas asistentes de cara a seguir avanzando no que ao deporte inclusivo se refire co fin de ampliar a oferta deportiva de Galicia para o colectivo de discapacidade garantindo a súa inclusión. Cómpre lembrar que neste 2023 a Xunta de Galicia convoca a primeira orde específica de subvencións para a adquisición de equipamentos para deporte adaptado a clubs deportivos galegos que conten con licencias de deportistas con discapacidade na tempada 2022-2023 ou ben ao longo do exercicio 2023.

As xornadas contaron con catro módulos desenvoltos na Escola Galega de Administración Pública, o Servizo Provincial de Deportes de Vigo e o Servizo Provincial de Deportes da Coruña. O primeiro módulo tratou a diversidade funcional e do deporte como vehículo integrador; o segundo, estivo dedicado ao papel do adestrador na inclusión deportiva; o terceiro versou sobre as etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas e como aproveitalas para a inclusión deportiva; e o cuarto e último, que tivo lugar o pasado 5 de xuño, tratou os valores e contravalores do deporte inclusivo.

As xornadas artelláronse a través da exposición de contido teórico, dinámicas grupais e a visualización de contido divulgativo. Dentro das xornadas formativas compartíronse experiencias de proxectos deportivos inclusivos postos en marcha en Galicia. O coordinador da xornada foi Marcos Vilasánchez, licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrado en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte. Cómpre salientar a participación nas xornadas de relatores como Juan Carlos Navarro Molinelli, adestrador e responsable do proxecto de Rubgy inclusivo do CRAT e responsable do rugby inclusivo da federación galega. Do mesmo xeito, compartíronse testemuñas de deportistas paralímpicos galegos e nacionais. As xornadas contan co apoio da plataforma educacional creada en 2018 #JuntosInvulnerables destinada á formación en valores inherentes en deporte dos nenos e nenas.

Os obxectivos da xornada foron reflexionar sobre as ferramentas necesarias para conseguir a inclusión no deporte; afondar no papel do corpo técnico como peza clave neste proceso; así como promover o emprendemento de proxectos deportivos inclusivos nas categorías de base das federacións e dos clubs deportivos galegos.

As federacións participantes foron as de Actividades Subacuáticas, Aeronáutica, Atletismo, Automobilismo, Bádminton, Baile Deportivo, Baloncesto, Béisbol e Sófbol, Bolos, Boxeo, Ciclismo, Columbofilia, Deporte Adaptado, Deporte Autóctono, Espeleoloxía, Esquí Náutico, Fútbol, Golf, Halterofilia, Hípica, Hóckey, Karate, Kickboxing, Kung Fu, Loita, Montañismo, Motonáutica, Motociclismo, Natación, Pádel, Pelota, Petanca, Piragüismo, Rugby, Salvamento e Socorrismo, Squash, Surf, Taekwondo, Tenis, Tenis de Mesa, Tiro con arco, Tríatlon e Péntatlon Moderno, Vela, Voleibol e Ximnasia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2023