Lete destaca o campionato de España de J70 da Toxa como un dos maiores eventos da vela nacional

Remarca a participación do ourensán Luis Pérez Canal, campión de Europa de J70 en 2019 co Abril Verde, e do vigués Luis Bugallo, campión do mundo de J70 en 2018 co Marnatura, ambos os dous na clase Corinthian

O Grove (Pontevedra), 17 de xuño de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu hoxe ao J70 Villalia Campeonato de España que se celebra dende onte na Illa da Toxa.

Alí destacou este tipo de navíos como “a clase máis importante do mundo, ou polo menos a que conta con máis barcos navegando polo mundo” e lembrou a aposta decidida que fixo a Xunta de Galicia por estas embarcacións “cando en España tiñan máis escépticos que defensores”. Froito do traballo conxunto coa Asociación Española de Armadores da Clase J70, naceu en xaneiro de 2015 a Liga Galega de J70 (winter series e spring series) que xa conta “co mellor rédito posible e cun gran potencial”.

O mandatario galego destacou a presencia no campionato dunha vintena de barcos de España e Portugal de grande potencial e remarcou a participación do ourensán Luis Pérez Canal, campión de Europa de J70 en 2019 co Abril Verde, e do vigués Luis Bugallo, campión do mundo de J70 en 2018 co Marnatura, ambos os dous na clase Corinthian, o que destacou como dous dos fitos máis importantes da historia da vela galega.

Neste sentido explicou como os eventos do J70 axudan ao fomento do deporte como “elemento desestacionalizador, e iso desde dous puntos de vista, o da persoa que o practica e o do espectador”, apuntou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2023