A Xunta organizou esta semana un curso sobre mellora reprodutiva e inseminación artificial en gando vacún no seu centro de formación de Sergude

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu a estas xornadas, nas que se puxo en valor o papel fundamental que xoga a eficiencia reprodutiva na rendibilidade das explotacións bovinas

Boqueixón (A Coruña), 18 de xuño de 2023 A Xunta, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizou esta semana no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude un curso teórico práctico sobre iniciación á mellora reprodutiva e inseminación artificial en gando vacún. Nestas xornadas, ás que asistiu o director da Axencia, José Luis Cabarcos, púxose en valor que a eficiencia reprodutiva xoga un papel fundamental nas explotacións bovinas, posto que dela depende, maiormente, a súa rendibilidade.

O curso foi impartido por profesorado da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e por veterinarios rurais especialistas en reprodución. Entre os seus obxectivos estaban o de concienciar os gandeiros sobre a importancia da mellora da eficiencia reprodutiva nas explotacións e explicarlles os principais índices reprodutivos, como interpretalos e que factores inflúen neles, así como o concepto de fertilidade e os factores dos que depende. Tratouse tamén de informar sobre o manexo dos animais durante o postparto e a xestación, de poñer en valor a importancia do benestar animal nas explotacións e de coñecer os mecanismos básicos da inseminación artificial.

Na acción formativa púxose de manifesto que hoxe en día as estreitas marxes comerciais ás que se ven sometidos os gandeiros fan obrigatoria unha correcta optimización da eficiencia reprodutiva, para o que é necesario identificar os factores que inflúen nela, levar a cabo un manexo adecuado dos animais e saber interpretar os datos.

Este curso é unha das accións de formación continua programadas no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude para este 2023 e forma parte das actuacións organizadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dentro do seu Plan de formación ao agro para o presente ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2023