A Xunta reafirma a súa aposta pola xestión forestal activa a prol dun monte ordenado, multifuncional e sustentable

O director xeral de Planificación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na presentación da Asociación de propietarios forestais A Croa de Camariñas

A posta en marcha deste colectivo vai na liña dos obxectivos marcados pola primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e da Lei de recuperación da terra agraria

Camariñas (A Coruña), 17 de xuño de 2023 O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na presentación da Asociación de propietarios forestais A Croa de Camariñas. Trátase dun colectivo veciñal que ten como obxectivo poñer en valor os montes da zona, incidindo especialmente en aproveitamentos como a resina ou os cogomelos, e darlle visibilidade ás necesidades dos enclaves naturais da contorna de Camariñas.

Neste sentido, tal como explicou o director xeral, a Xunta aposta por unha xestión forestal activa, no contexto dun monte ordenado, multifuncional e cun enfoque cara a un aproveitamento económico, social e ambientalmente sustentable dos seus recursos. Nesta liña -engadiu Chan-, orienta os seus esforzos no marco de instrumentos básicos de planificación, particularmente no establecido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Ademais, tamén está amparado pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

O director xeral sinalou que ambos textos -Lei e Plan- marcan entre as súas diferentes liñas de traballo a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas -especialmente mediante proxectos liderados por agrupacións forestais de xestión conxunta- para recuperar o rural e fixar poboación. Neste sentido, José Luis Chan destacou tamén que o fomento da agrupación da propiedade forestal é unha das grandes apostas do documento, incentivando a xestión conxunta e o asociacionismo, en liña cos obxectivos marcados polo colectivo presentado hoxe en Camariñas. A maiores, o director xeral trasladou os parabéns aos integrantes da asociación por esta iniciativa veciñal.

 

Data de actualización: 17/06/2023